Miqueas 3
3
Contra os dirixentes de Israel que oprimen o pobo
1Entón, eu dixen:
"Escoitade, xefes de Xacob; vós, dirixentes da casa de Israel: Non é cousa vosa o coñecer o dereito? 2Vós, que odiades o ben e amades o mal?
Vós, que lles arrincades a pel, e tirades a carne dos seus ósos?
3Si, certo, comen a carne do meu pobo, e arríncanlles a súa pel.
Rómpenlles en anacos os ósos,
para os poñer coma a carne no pote, coma vianda no medio da cazola.
4Entón clamarán ó Señor, pero non lles responderá; ocultaralles o seu rostro naquela hora,
xa que cometeron crimes cos seus feitos".
Contra os profetas que explotan a súa misión
5Así fala o Señor contra os profetas que desorientan o meu pobo, que claman: "paz", se morden algo cos dentes; pero proclaman guerra santa contra quen non lles pon algo na boca.
6"Por isto, teredes noite en vez de visión, teredes que estar ás escuras en vez de adiviñar;
o sol porase para estes profetas e o día volverase escuro sobre eles.
7Os que teñen visións avergonzaranse, e os adiviños encheranse de vergonza.
Todos eles taparán o bigote, pois Deus non lles dá ningunha resposta".
O profetismo de Miqueas
8Pero eu grazas ó espírito do Señor estou cheo de forza, de sentencias de xuízo e de coraxe, para lle facer coñecer a Xacob a súa rebeldía, e a Israel o seu pecado.
Contra todos os dirixentes de Xudá
9Escoitade, pois, isto, xefes de Xacob e dirixentes da casa de Israel, que volvedes abominable a sentencia xudicial, e facedes torto todo o que é dereito.
10"Construídes Sión co sangue vertido e Xerusalén con perversidades.
11Os seus xefes emiten veredictos conforme ós regalos,
os seus sacerdotes dan a lei por un prezo,
e os seus profetas adiviñan por diñeiro,
e ademais apóianse no Señor, dicindo:
Non está o Señor no medio de nós?
Ningunha desgraza nos acontecerá.
12Por isto, por culpa vosa, Sión será arado coma un campo,
Xerusalén converterase en ruínas,
e a montaña do templo un conxunto de outeiros a monte".
Currently Selected:
Miqueas 3: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT