YouVersion Logo
Search Icon

Miqueas 1

1
1Palabra do Señor que lle foi dirixida a Miqueas, natural de Mórexet, nos días de Iotán, Acaz e Ezequías, reis de Xudá: visión que el tivo acerca de Samaría e Xerusalén.
I. ACUSACIÓNS E ANUNCIOS DE CASTIGO
2Escoitade, pobos todos; prestade atención, terra e o que a enche. O Señor Deus servirá de testemuña contra vós; o Señor, que virá do seu templo santo.
3Si, velaí o Señor que sae do seu santuario, baixará e camiñará sobre as alturas da terra.
4Os montes derreteranse por debaixo del e fenderanse os fondais dos vales.
Coma a cera pola presenza do lume, coma a auga que corre pola ladeira.
5Todo isto sucederá pola apostasía de Xacob e polo pecado da casa de Israel.
Quen é o causante da apostasía de Xacob? Acaso non é Samaría?
Quen é o outeiro que fai pecar a Xudá? Acaso non é Xerusalén?
6Converterei a Samaría nunha morea de pedras, nunha viña plantada de novo.
Farei correr as súas pedras ata o val, e deixarei ó descuberto os seus alicerces.
7Todos os seus ídolos serán machucados, e todos os seus regalos serán queimados no lume.
Converterei todas as súas imaxes nunha desolación, pois foron feitas xuntando ganancias das prostitutas e ganancias das prostitutas volverán ser.
Lamentación polas cidades da Xefelah
8Por isto, voume lamentar e chorar, vou camiñar descalzo e espido.
Vou facer unha lamentación coma os chacais e un canto de loito coma os poliños da avestruz.
9Incurable é o golpe que dá o Señor. Si, chega ata Xudá.
O Señor peta ata nas portas do meu pobo, ata en Xerusalén.
10En Gat, non o proclamedes, en Bocó non choredes.
En Bet Leafrah espoldrexade no po.
11Que a poboación de Xafir faga resoar a trompeta por medio de vós.
Si, que saia espida e avergonzada a poboación que habita en Caanán.
Hai dó en Bet Haésel, retíresevos o seu apoio.
12A poboación de Marot espera o ben, pero baixa a desgraza de xunto ó Señor ás mesmas portas de Xerusalén.
13Engancha os cabalos ó carro, poboación de Láquix.
É o comezo do fracaso, filla de Sión, pois en ti están as transgresións de Israel.
14A ti, Moréxet de Gat, impuxéronche o xugo os emisarios. Para os reis de Israel as casas de Aczib volvéronse un regueiro sen auga.
15Farei entrar de novo ó conquistador en ti, poboación de Marrexah.
E penetrará ata Adulam a gloria de Israel.
16Corta e arrinca o cabelo polos fillos dos teus praceres, agranda a túa calva coma a do voitre, xa que eles van ó desterro lonxe de ti.

Currently Selected:

Miqueas 1: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in