YouVersion Logo
Search Icon

Mateo 20

20
1Porque o Reino dos Ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar xornaleiros para a súa viña. 2Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa viña. 3Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza. 4E díxolles:
Ide vós tamén á miña viña, e dareivos o xusto.
5Eles foron. De novo saíu polo mediodía, e pola tarde, facendo o mesmo. 6Pero aínda volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles:
Pero, que facedes aquí, todo o día sen traballar?
7Eles responderon:
É que ninguén nos contratou.
El díxolles entón:
Ide vós tamén á miña viña.
8Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña ó administrador:
Chama os xornaleiros e págalles o xornal: empézasme polos últimos e acabas polos primeiros.
9Chegan os da derradeira hora e dálles un denario a cada un. 10Cando chegaron os primeiros coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. 11O recibilo, murmuraban contra o propietario:
12Eses, os derradeiros, traballaron unha hora só e trátalos igual ca nós, que aturamos o peso e a caloraza do día.
13Pero el replicoulle a un deles:
Amigo, non che fago ningunha inxustiza. Non axustamos un denario? 14Pois colle o teu, e vaite. E logo, se quero darlle ó último igual ca a ti, 15non teño dereito a facer o que quero co que é meu? Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?
16Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros, e os primeiros serán os últimos.
Terceiro anuncio da paixón (Mc 10, 32-34; Lc 18, 31-34)
17Segundo ía subindo a Xerusalén, chamou a un lado os Doce polo camiño e díxolles:
18Vede que subimos a Xerusalén, e que alí lles van entregar o Fillo do Home ós sumos sacerdotes e mais ós letrados; condenarano a morte, 19e entregarano ós pagáns para que fagan riso del, o azouten e o crucifiquen; pero ó terceiro día resucitará.
Petición de Santiago e Xoán (Mc 10, 35-45)
20Entón achegóuselle a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos, prostrándose para pedirlle algo. 21El preguntoulle:
Que queres?
Respondeulle:
Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.
22Respondeulle Xesús:
Non sabedes o que pedides. Poderedes beber o cáliz que eu teño que beber?
Respondéronlle:
Podemos.
23Xesús replicou:
O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo: é para quen o meu Pai o ten preparado.
24O escoitaren isto os outros dez, anoxáronse todos cos dous irmáns. 25Entón Xesús chamou por eles e díxolles:
Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan, e os poderosos os asoballan. 26Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos: quen queira ser importante, que sirva ós demais; 27e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal; 28porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.
Cura a dous cegos (Mc 10, 46-52; Lc 18, 35-43)
29E ó saíren de Xericó, seguiuno moita xente. 30Sentados a carón do camiño, había dous cegos que, cando oíron que pasaba Xesús, puxéronse a berrar:
Fillo de David, ten piedade de nós!
31A xente rifáballes para que calasen, pero eles berraban aínda máis alto:
Señor, Fillo de David, ten piedade de nós!
32Xesús parou, chamounos e preguntoulles:
Que queredes que vos faga?
33Eles responderon:
Señor, que se nos abran os ollos.
34Compadecido Xesús, tocoulles os ollos, e de contado recobraron a vista; e foron tras el.

Currently Selected:

Mateo 20: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in