Mateo 21
21
EN XERUSALÉN
Entrada triunfal en Xerusalén (Mc 11, 1-11; Lc 19, 28-40; Xn 12, 12-19)
1E cando se aproximaban a Xerusalén e chegaron a Betfagué, ó pé do Monte das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos, 2dicíndolles:
Ide á aldea que tendes aí de fronte, e de seguida atoparedes unha burra atada e un burriño con ela; ceibádeos e traédeos. 3Se alguén vos pregunta algo, respondédeslle que lle fan falta ó Señor, e que de seguida llos mandará de volta.
4Isto sucedeu para que se cumprise o que fora dito polo profeta:
5Dicídelle á filla de Sión:
Velaí o teu Rei que vén onda ti,
humilde e montado nunha burra,
nun burro, fillo de animal de carga.
6Foron os discípulos, e fixeron o que Xesús lles mandara. 7Trouxeron a burra e mais o burriño, botáronlle enriba os mantos, e Xesús montou. 8Moita xente estendeu os mantos no camiño; outros cortaron pólas das árbores, e estendéronas tamén no camiño. 9E a xente que ía diante e mais os que o seguían gritaban:
Hosanna ó Fillo de David! Bendito o que vén no nome do Señor! Hosanna nas alturas!
10E ó entrar en Xerusalén, toda a cidade conmovida preguntaba:
Quen é este?
11A xente respondía:
Este é o profeta Xesús, o de Nazaret de Galilea.
Xesús bota os tendeiros fóra do templo (Mc 11, 15-19; Lc 19, 45-48; Xn 2, 13-22)
12Entrou Xesús no templo, e botou fóra os tendeiros e compradores do templo, derrubando as mesas dos cambiadores e os postos dos vendedores de pombas. 13E díxolles:
Está escrito: A miña casa será casa de oración; pero vós convertédela en cova de bandidos.
14No templo rodeárono cegos e coxos, e curounos. 15Pero os sumos sacerdotes e os letrados, vendo os milagres que facía e os nenos que exclamaban no templo: "Hosanna ó Fillo de David!", indignáronse; 16e dixéronlle:
Seica non oes o que estes nenos din?
Xesús respondeulles:
Si, e logo nunca lestes aquilo: Da boca dos meniños de peito fixeches saír unha loanza?
17E deixándoos, saíu da cidade cara a Betania, onde pasou a noite.
A figueira maldita (Mc 11, 12-14. 20-24)
18Pola mañá cedo, cando regresaba á cidade, sentiu fame.
19Vendo unha figueira ó pé do camiño, achegouse a ela; pero nada atopou, fóra de follas. Entón dixo:
Nunca mais darás froito.
E, de súpeto, secou a figueira. 20Vendo aquilo os discípulos, preguntaron abraiados:
Por que secou de súpeto a figueira?
21Xesús respondeu:
Eu asegúrovos que se tendes fe, e non dubidades, non faredes soamente o da figueira, senón que se lle dixerdes a este monte: "arríncate de aí, e bótate no mar", mesmo iso se faría. 22Todo canto pidades con fe na oración, recibirédelo.
A autoridade de Xesús (Mc 11, 27-33; Lc 20, 1-8)
23Entrou no templo e mentres ensinaba, acercáronselle os sumos sacerdotes e mais os senadores do pobo, para lle preguntaren:
Con que autoridade fas esas cousas? Quen che deu tal autoridade?
24Xesús respondeulles:
Vouvos facer tamén eu a vós unha pregunta; e se respondedes, dígovos eu tamén con que autoridade fago estas cousas: 25o bautismo de Xoán, de onde era? Era cousa de Deus ou dos homes?
Eles razoaban entre si dicindo: "se respondemos de Deus, preguntaranos: entón por que non crestes nel? 26Pero se respondemos dos homes, temémoslle ó pobo, porque todos teñen a Xoán por profeta". 27E contestáronlle a Xesús:
Non sabemos.
Xesús replicou:
Pois eu tampouco non vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.
Parábola dos dous fillos
28Pero, que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro, e díxolle: "Meu fillo, vai traballar hoxe na viña". 29El respondeu:
"Non quero"; pero despois, arrepentido, foi.
30Foise onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: "Vou, señor"; pero non foi.
31Quen dos dous fixo a vontade do pai?
Respondéronlle:
O primeiro.
Entón díxolles Xesús:
Asegúrovos que os recadadores e mais as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós. 32Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza, e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e mais as prostitutas, si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.
Parábola dos viñateiros (Mc 12, 1-12; Lc 20, 9-19)
33Escoitade outra parábola:
Dunha vez había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo, arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe.
34Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados ós viñateiros, para cobrar as rendas. 35Pero os viñateiros agardáronos, e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outro apedrárono. 36De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito.
37Por último, mandoulles o seu propio fillo, dicindo para si: "O meu fillo hano respectar". 38Pero os viñateiros, ó veren o fillo, comentaron: "Este é o herdeiro: veña, matémolo, e a herdanza será nosa". 39E agarrárono, botárono fóra da viña, e matárono.
40Ben, e cando veña o señor da viña, que fará cos viñateiros aqueles?
41Respondéronlle:
A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendaralles a viña a outros viñateiros, que lle paguen as rendas no seu tempo.
42Díxolles entón Xesús:
Seica non lestes nunca na Escritura:
A pedra que desbotaron os canteiros
é agora o esquinal:
esa pedra colocouna o Señor,
que regalía para nós!?
43Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus, e daráselle a un pobo que produza bos froitos. 44Quen caia enriba desa pedra, esnaquizarase; pero aquel sobre quen ela caia, ficará esmagado.
45Oíndo as súas parábolas, os sumos sacerdotes e mais os fariseos decatáronse de que ían por eles. 46Quixérono prender, pero tivéronlle medo á xente, que o tiña por profeta.
Currently Selected:
Mateo 21: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT