YouVersion Logo
Search Icon

Mateo 19

19
CAMIÑO DE XERUSALÉN
O divorcio (Mc 10, 1-12)
1Cando terminou Xesús estes discursos, partiu de Galilea e veu para a terra de Xudea, na outra banda do Xordán. 2Seguiuno moita xente, e el púxose a lles curar alí os enfermos.
3Chegaron onda el uns fariseos e preguntáronlle para poñéreno a proba:
É lícito repudiar a muller por un motivo calquera?
4El respondeu:
Seica non sabedes que o Creador os fixo varón e femia desde o principio, 5e que dixo: Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa carne? 6De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus xuntou, que non o separe o home.
7Preguntáronlle:
E logo como é que Moisés mandou entregar o certificado de divorcio e repudiala?
8El respondeu:
Debido á dureza do voso corazón, permitiuvos Moisés repudiar as vosas mulleres; pero ó principio non era así. 9Asegúrovos que quen repudia a súa muller (sacado que estea malvivindo) e casa con outra, comete adulterio.
10Entón dixéronlle os discípulos:
Pois se a situación do home respecto á muller é esa, casar non nos fai avío ningún.
11El contestoulles:
Non todos entenden esta linguaxe, senón aqueles a quen se lles concedeu. 12Hainos que non poden casar, porque naceron así do ventre da súa nai; outros, porque así os fixeron os homes; e outros, porque eles mesmos se fixeron así polo Reino dos Ceos. Quen poida entender, que entenda.
Bendí os nenos (Mc 10, 13-16; Lc 18, 15-17)
13Leváronlle entón uns nenos, para que lles impuxese as mans, e rezase por eles. Pero os discípulos rifábanlles. 14Mais Xesús díxolles:
Deixade que os nenos se acheguen a min, non llelo privedes, porque deles é o Reino dos Ceos.
15E despois de lles impoñer as mans, marchou de alí.
O mozo rico (Mc 10, 17-22; Lc 18, 18-23)
16Nisto acercouse un para lle preguntar:
Mestre, que teño que facer de bo para acadar a vida eterna?
17El contestoulle:
Por que me preguntas acerca do bo? Soamente Un é Bo. E se queres entrar na vida, garda os mandamentos.
18El preguntoulle:
Cales?
Non matarás, non cometerás adulterio, non roubarás, non darás falso testemuño; 19honra a teu pai e a túa nai, e ama ó teu próximo coma a ti mesmo.
20O mozo contestou:
Todas esas cousas xa as gardo. Que é o que me falta?
21Respondeulle Xesús:
Se queres ser perfecto, vai, vende canto tes, e dállelo ós pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois, ven e sígueme.
22Oíndo estas cousas, o mozo marchou moi aflixido: tiña moitos bens.
O perigo das riquezas (Mc 10, 23-31; Lc 18, 24-30)
23Entón díxolles Xesús ós seus discípulos:
Asegúrovos que lles vai ser difícil ós ricos entrar no Reino dos Ceos; 24volvo a asegurarvos; é máis fácil para un camelo pasar polo ollo dunha agulla que para un rico entrar no Reino dos Ceos.
25Oíndo aquilo, os discípulos aínda estaban máis abraiados e comentaron:
Pero logo, quen se vai poder salvar?
26Mirando para eles fixamente, díxolles:
Si, para os homes é imposible; pero para Deus todo é posible.
27Entón interveu Pedro dicindo:
Pois nós deixámolo todo, e seguímoste. Que nos vai tocar?
28Xesús respondeu:
Asegúrovos que vós, os que me seguistes, cando chegue o mundo novo e o Fillo do Home sente no trono da súa gloria, sentaredes en doce tronos para xulgardes as doce tribos de Israel. 29E todo aquel que deixou casas ou irmáns ou pai ou nai ou fillos ou leiras, por causa do meu nome, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna.
Parábola dos xornaleiros da viña
30E hai moitos que son os primeiros e serán os últimos; e moitos que son os últimos e serán os primeiros.

Currently Selected:

Mateo 19: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in