YouVersion Logo
Search Icon

Mateo 18

18
O máis importante no Reino dos Ceos (Mc 9, 33-37; Lc 9, 46-48)
1Naquel momento acercáronse os discípulos a Xesús, para lle preguntar:
Quen é o máis importante no Reino dos Ceos?
2El chamou por un meniño e púxoo no medio deles, 3e dixo:
Asegúrovolo: se non cambiades e non vos facedes coma nenos, non entraredes no Reino dos Ceos. 4Quen se faga pequeno coma este cativo será o máis importante no Reino dos Ceos. 5E quen acolla un meniño coma este no meu nome, acólleme a min.
O escándalo (Mc 9, 42-48; Lc 17, 1-2)
6Pero quen escandalice a un destes pequenos que cren en min, máis lle valería que lle colgasen unha pedra de muíño ó pescozo, e que o largasen ó fondo do mar. 7Ai do mundo polos seus escándalos! É irremediable que haxa escándalos, pero ai do home que provoca escándalos!
8Se a túa man ou o teu pé te pon en perigo, córtao e tírao lonxe de ti: máis che vale entrar na vida manco ou coxo e non que te boten coas dúas mans e cos dous pés no lume eterno. 9E se o teu ollo te pon en perigo, arríncao e tírao lonxe de ti: máis che vale entrar na vida cun ollo só e non que te boten cos dous no lume do inferno.
10-11Coidadiño con desprezar a un destes cativos! Asegúrovos que os seus anxos, no ceo, están sempre contemplando o rostro do meu Pai celestial.
A ovella perdida (Lc 15, 3-7)
12A ver: que vos parece? Se un home ten cen ovellas e perde unha, non deixará as outras noventa e nove no monte, para ir buscar a descarreirada?
13E se a atopa, asegúrovos que se alegrará máis con ela do que coas noventa e nove que non se perderon. 14Do mesmo xeito, a vontade do voso Pai celestial é que non se perda ningún destes pequenos.
A corrección fraterna (Lc 17, 3)
15Se teu irmán peca contra ti, vai e repréndeo; pero ti só con el. Se te escoita, conquistaches o teu irmán. 16Se non te escoita, leva contigo un ou dous, para que por medio de dúas ou tres testemuñas quede resolto o asunto. 17Se non vos fai caso, dillo á comunidade; e se tampouco lle fai caso á comunidade, sexa para ti como un pagán ou un recadador de impostos. 18Asegúrovos que o que atedes na terra será atado no ceo, e o que desatedes na terra será desatado no ceo.
Oración en común
19Asegúrovos tamén que se dous de vós se poñen de acordo na terra para pedir calquera cousa, conseguirano do meu Pai celestial. 20Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí no medio estou eu.
Perdón das ofensas (Lc 17, 4)
21Entón Pedro, achegándose, preguntoulle:
Señor, cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? Ata sete veces?
22Respondeulle Xesús:
Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.
Parábola do servidor que non perdoaba
23Por iso, o Reino dos Ceos é semellante a un rei que quixo facer as contas cos seus servidores. 24Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía varios millóns. 25E como non tiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el con muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase.
26O servidor botóuselle ós pés e suplicáballe:
Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todiño!
27O señor tivo dó daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.
28Pero, ó saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:
Paga o que me debes.
29Botándose ós seus pés, o compañeiro suplicáballe:
Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.
30Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase a débeda.
31Os compañeiros, ó veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ó seu señor todo o que pasara. 32Entón o señor mandouno chamar e díxolle:
Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. 33E logo non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecín de ti?
34E todo anoxado, o señor entregouno ós verdugos ata que lle pagase toda a débeda.
35Así tamén fará convosco meu Pai celestial, se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.

Currently Selected:

Mateo 18: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in