YouVersion Logo
Search Icon

Mateo 17

17
A transfiguración (Mc 9, 2-13; Lc 9, 28-36)
1Seis días despois colleu Xesús a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán, e subiu con eles sós a un monte alto. 2Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz. 3Nisto apareceron Moisés e mais Elías falando con el. 4Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
Señor, que ben estamos aquí! Se queres, farei aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.
5E aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e unha voz saíndo da nube dixo:
Este é o meu Fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo.
6O escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. 7Xesús achegándose, tocounos e díxolles:
Erguédevos, non teñades medo!
8E levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.
9Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:
Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.
10E preguntáronlle os discípulos:
Como é que din os letrados que primeiro ten que vir Elías?
11El respondeu:
Si, Elías tiña que vir e volver poñer todo en orde e restablecelo todo. 12Pero eu asegúrovos que Elías xa veu, e non o recoñeceron, e fixeron con el o que quixeron; do mesmo xeito tamén o Fillo do Home padecerá nas súas mans.
13Entón comprenderon os discípulos que o dixera referíndose a Xoán Bautista.
O neno lunático (Mc 9, 14-29; Lc 9, 37-43)
14E cando chegaron a onde estaba a xente acercóuselle un home, que de xeonllos 15lle suplicou:
Señor, ten compaixón do meu fillo, porque é lunático e sofre moito; xa ten caído no lume e na auga. 16Presentéillelo ós teus discípulos e non o deron curado.
17Respondeu Xesús:
Xeración incrédula e perversa! Ata cando vos terei que soportar? Traédemo aquí!
18Entón Xesús increpou ó demoño e saíu del. E desde aquela hora ficou curado o rapaz. 19Entón achegáronselle os discípulos e preguntáronlle en privado:
Por que non o demos botado nós?
20-21El respondeulles:
Pola vosa pouca fe. E asegúrovos que se tivésedes sequera unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a este monte: "vai de aquí para alá", e o monte había ir. E nada sería imposible para vós.
Segundo anuncio da paixón (Mc 9, 30-32; Lc 9, 44-45)
22Andando eles xuntos por Galilea, díxolles Xesús:
O Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, 23que o matarán; pero ó terceiro día resucitará.
Eles ficaron moi tristes.
A contribución do templo
24Cando chegaron a Cafarnaún acercáronse a Pedro os cobradores da contribución do templo e preguntáronlle:
Seica o voso Mestre non paga a contribución?
25El respondeulles:
Si que paga.
E cando chegaron á casa, Xesús adiantouse a dicirlle:
Que che parece, Simón: Os reis da terra de quen cobran as taxas ou contribucións: dos fillos ou dos alleos?
26O responder el que dos alleos, Xesús concluíu:
Polo tanto, os fillos están exentos. 27Con todo, para non ser ocasión de escándalo, vai ó mar, bota o anzol, colle o primeiro peixe que pique, e ábrelle a boca: alí atoparás unha moeda. Cóllea, e entrégaa por min e mais por ti.

Currently Selected:

Mateo 17: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in