YouVersion Logo
Search Icon

Mateo 16

16
Pídenlle un sinal (Mc 8, 11-13; Lc 12, 54-56)
1Chegaron os fariseos e mais os saduceos, e, para o poñeren a proba, pedíronlle que lles mostrase un sinal do ceo. 2El respondeulles:
Vós á tardiña dicides: "Vai vir bo tempo, porque hai roibéns no ceo"; 3e á mañanciña: "vai haber treboada, porque o ceo está sombrizo". Así que sabedes discernir o cariz do ceo, e non sodes capaces de interpretar os sinais dos tempos? 4Esta xeración malvada e adúltera reclama un sinal! Pois non se lle vai dar máis sinal có de Xonás. E deixounos coa palabra na boca.
O fermento dos fariseos e saduceos (Mc 8, 14-21)
5O pasaren para a outra banda, os discípulos esqueceron levar pan. 6E díxolles Xesús:
Tede coidado. Ollo co fermento dos fariseos e saduceos!
7Comentaban entre eles: "É que non trouxemos pan".
8Xesús decatouse e díxolles:
Como, homes de pouca fe: así que estades aí debatendo que non tedes pan! 9Aínda non acabades de entender e non vos acordades dos cinco bolos de pan para cinco mil, e de cantas cestas enchestes? 10Nin dos sete bolos para catro mil, e de cantas cestas enchestes? 11Como non entendedes que non era de pan do que eu vos falaba? Coidado! Ollo co fermento dos fariseos e dos saduceos!
12Entón comprenderon que non lles falara de que tivesen coidado co fermento do pan, senón da doutrina dos fariseos e saduceos.
Profesión de Pedro (Mc 8, 27-30; Lc 9, 18-21)
13Cando chegou á comarca de Cesarea de Filipo preguntoulles Xesús ós seus discípulos:
Quen di a xente que é o Fillo do Home?
14Eles responderon:
Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
15Insistiu:
E vós, quen dicides que son?
16Respondeu Simón Pedro:
Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.
17E Xesús contestoulle:
Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. 18E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa; e as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. 19Dareiche as chaves do Reino dos Ceos: todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.
20E mandoulles ós discípulos que non dixesen nada de que el era o Mesías.
Anuncio da morte e da resurrección (Mc 8, 31-33; Lc 9, 22)
21Desde aquela empezou Xesús a aclararlles ós seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer padecer moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ó terceiro día había resucitar.
22Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifar con el, dicindo:
Deus te libre, Señor; a ti non che pasará nada diso de maneira ningunha.
23Pero el, volvéndose, díxolle a Pedro:
Arreda de min, Satán! Ti es un tentador para min, porque non te deixas guiar por Deus senón polos homes.
Como seguir a Xesús (Mc 8, 34; 9, 1; Lc 9, 23-27)
24Entón díxolles Xesús ós seus discípulos:
Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. 25Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda pola miña causa, poñeraa a salvo. 26Pois de que lle serve ó home gañar o mundo enteiro se perde a súa vida? E que pode dar un home para recobrar a súa vida? 27Porque o Fillo do Home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a cadaquén conforme á súa conduta. 28Tende por seguro que algúns dos aquí presentes non morrerán sen veren antes o Fillo do Home vir no seu Reino.

Currently Selected:

Mateo 16: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in