YouVersion Logo
Search Icon

Mateo 15

15
A tradición dos devanceiros (Mc 7, 1-23)
1Entón achegáronse a Xesús un grupo de fariseos e letrados de Xerusalén e preguntáronlle:
2Por que os teus discípulos quebrantan a tradición dos devanceiros e non lavan as mans antes de comer?
3El contestoulles:
E logo por que quebrantades vós o mandamento de Deus por causa de vosa tradición? 4Porque Deus dixo: Mira por teu pai e mais por túa nai, e quen abandone a seu pai ou súa nai é reo de morte. 5Pero vós dispoñedes: "quen lle diga a seu pai ou a súa nai: ofrézolle ó templo o sustento que teño para vós, 6non ten por que coidar de seu pai"; así invalidades o mandamento de Deus por mor da vosa tradición.
7Hipócritas! Ben profetizou de vós o profeta Isaías cando dixo:
8Este pobo hónrame cos labios,
pero o seu corazón está lonxe de min.
9Inutilmente me renden culto,
porque a doutrina que ensinan
non son máis ca costumes humanos.
10E, convocando á xente, díxolles:
Escoitade e procurade entender: 11Non é o que entra pola boca o que mancha ó home; o que sae pola boca, iso si que mancha ó home.
12E, achegándoselle os discípulos, dixéronlle:
Ti sabes que os fariseos se escandalizaron ó escoitaren a túa palabra?
13El contestoulles:
Toda planta que non plantase meu Pai celestial arrincarase de raíz. 14Deixádeos: son cegos e guías de cegos. Se un cego guía a outro cego, ambos caerán na cova.
15Rogoulle Pedro:
Explícanos a comparanza.
16El díxolle:
Tamén vós estades aínda sen entender? 17Non comprendedes que todo o que entra pola boca vai dar ó ventre, e de alí ó escusado? 18Pero o que sae pola boca procede do corazón, e isto si que mancha ó home. 19Porque do corazón proceden os malos pensamentos, os asasinatos, os adulterios, as fornicacións, os roubos, os falsos testemuños, as blasfemias. 20Isto é o que mancha ó home; pero comer sen lavar as mans, iso non mancha ó home.
Viaxe polos arredores de Galilea. A muller cananea (Mc 7, 24-30)
21Saíndo de alí foi Xesús para a comarca de Tiro e Sidón. 22E apareceu unha muller cananea daqueles contornos, que berraba:
Compadécete de min, Señor, Fillo de David: a miña filla está atormentada por un demo.
23Pero el non respondeu palabra. Achegándoselle os seus discípulos, rogábanlle:
Despídea, que vén berrando detrás de nós.
24El contestoulles:
Non fun enviado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.
25Pero ela alcanzounos e, prostrándose, suplicoulle:
Señor, váleme!
26El respondeulle:
Non é ben quitarlles o pan ós fillos para llelo botar ós cadelos.
27Pero ela contestou:
Non é, Señor, non; pero tamén os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos seus amos.
28Entón respondeulle Xesús:
Muller, a túa fe é ben grande: fágase, logo, como desexas!
E a súa filla ficou sa naquela hora.
Máis curacións
29Marchou Xesús daquela terra e chegou onda o mar de Galilea. Subiu a un monte e sentou alí. 30E veu a pé del un mundo de xente, traendo consigo coxos, cegos, eivados, xordos e outros moitos; botábanos ós pés de Xesús e el curábaos a todos. 31De xeito que a xente ficaba pasmada vendo os mudos falar, curados os eivados, os coxos andar e os cegos ver; e glorificaban ó Deus de Israel.
Segunda multiplicación do pan (Mc 8, 1-10)
32Chamou Xesús polos seus discípulos e díxolles:
Dáme pena esta xente: hai tres días que veñen tras miña e non teñen que levar á boca. Non os quero despedir sen tomaren nada, porque poderían esmorecer polo camiño.
33Dixéronlle os discípulos:
E de onde imos sacar, nun lugar deserto, pan abondo para fartar tanta xente?
34Pero el preguntoulles:
E logo, cantos pans tedes?
Eles responderon:
Sete e mais algúns peixes.
35Mandou que a xente sentase no chan; 36despois colleu os sete bolos e mais os peixes, rezou a acción de grazas, partiunos e déullelos ós seus discípulos; e os discípulos dábanllos á xente. 37Comeu a xente a se fartar, e cos anacos que sobraron encheron sete cestas. 38Os que comeron eran uns catro mil homes, sen contar mulleres nin nenos.
39Despois, despediu a xente, subiu á barca e foise para a terra de Magadán.

Currently Selected:

Mateo 15: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in