Levítico 6
6
Os sacrificios.
Holocausto cotián
1O Señor díxolle a Moisés: 2—"Manda a Aharón e a seus fillos: Este é o regulamento do holocausto: a vítima arderá no lume do altar toda a noite, ata a mañá, mentres o lume do altar se mantén aceso. 3O sacerdote, tendo todo o seu corpo vestido con túnica e calzóns de liño, recollerá do altar as cinsas da vítima consumida polo lume e botaraas á beira do altar. 4Espirá a roupa que leva, e vestirá outra; despois levará as cinsas fóra do campamento a un lugar puro. 5O lume manterase aceso decote no altar, sen que se apague nunca. Cada mañá o sacerdote poralle leña, colocará enriba o holocausto e queimará a graxa das vítimas do sacrificio de comuñón. 6O lume do altar arderá decote, sen apagarse nunca.
A oblación
7Este é o regulamento da oblación: Os fillos de Aharón presentarana no altar diante do Señor. 8O sacerdote collerá dela unha presa de flor de fariña ofrecida, parte do seu aceite e todo o incenso que lle bota enriba, e queimarao no altar como recendo e como lembranza para o Señor. 9Aharón e seus fillos comerán o resto da oblación, sen fermento, no lugar santo, no limiar da Tenda do Encontro. 10Non lle porás fermento, pois é a porción que eu lles dou do holocausto das ofrendas que se me fan a min; é cousa moi santa, coma a expiación polo pecado e a reparación polo delito. 11Poderana comer soamente todos os fillos varóns de Aharón. É un estatuto perpetuo para a vosa posteridade, acerca das oblacións que se lle deben queimar ó Señor. Calquera que as toque quedará consagrado".
Consagración dos sacerdotes
12O Señor díxolle a Moisés: 13—"A ofrenda que teñen que presentar ó Señor Aharón e seus fillos no día da súa consagración será: unha décima dun efah de flor de fariña, como oblación cotiá, a metade pola mañá, e a outra metade á tarde. 14Será adobada con aceite e fritida na tixola; será presentada en rebandas, despois de cociñada, como recendo para o Señor. 15O Sumo Sacerdote que lle suceda no cargo de entre seus fillos, fará do mesmo xeito. É un estatuto perpetuo. Deberá ser todo queimado á honra do Señor. 16A oblación do sacerdote será toda queimada, non se comerá ren dela".
Sacrificio polo pecado
17Faloulle o Señor a Moisés: 18—"Dilles a Aharón e a seus fillos: Esta é a lei da oblación polo pecado: No mesmo lugar no que se sacrifica a vítima do holocausto, terá que ser sacrificada a vítima polo pecado diante do Señor: é unha cousa sacrosanta. 19O sacerdote oferente será o que a coma no lugar sagrado, no limiar da Tenda do Encontro. 20Calquera que toque a carne da vítima quedará consagrado, e toda a roupa de calquera que sexa manchada co seu sangue, terá que ser lavada no lugar sagrado. 21A ola de barro na que foi cociñada terá que ser escachada, e se fose de bronce, terá que ser ben fregada e enxugada. 22Poderán comela soamente os varóns, sacerdotes, pois é unha cousa sacrosanta. 23A vítima do sacrificio expiatorio, da que se leva o sangue á Tenda do Encontro para facer a expiación no santuario, non se comerá, terá que ser queimada toda no lume.
Currently Selected:
Levítico 6: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT