Levítico 5
5
Expiación dos pecados de impureza ritual
1Se unha persoa peca porque, citado con xuramento como testemuña de vista ou de oído, non declarou, cargará coa súa culpa. 2Se alguén, sen se decatar, toca algo impuro, coma o cadáver dunha fera impura, ou o dun animal impuro, ou o dun réptil impuro, cando se decate diso, faise impuro e culpable. 3Igualmente se, sen se decatar, toca algunha impureza humana de calquera caste das impurezas que manchan, cando se decate, faise culpable. 4Se alguén, sen se decatar, fai un xuramento cos seus labios, sexa para mal ou para ben, dicindo as verbas coas que a xente adoita xurar, cando se decate, faise culpable. 5Se de calquera maneira alguén se fixo culpable, declare o pecado cometido 6e, como expiación por tal pecado, presentará diante do Señor unha vítima de gando miúdo, femia de ovella ou cabra, e o sacerdote fará con ela a expiación polo delito. 7Se non tivese nin sequera unha res de gando miúdo, ofrecerá a Iavé polo pecado cometido dúas rulas ou dous pombiños de pomba, un como expiación polo pecado e o outro como holocausto. 8Presentarallos ó sacerdote e ofrecerá primeiro o da expiación polo pecado, retorcéndolle polo pescozo a cabeza sen lla arrincar. 9Co sangue da vítima asperxerá as paredes do altar, e verterá o resto do sangue ó pé do altar. É unha expiación polo pecado. 10Despois ofrecerá a do holocausto, seguindo o rito acostumado, e o sacerdote fará con el a expiación polo pecado, e seralle perdoado. 11Pero se nin sequera ten dúas rulas nin dous pombiños, ofrecerá, como oblación súa polo seu pecado, a décima parte dun efah de flor de fariña, sen lle botar aceite, nin lle pór incenso, por ser ofrenda polo pecado. 12Levaralla ó sacerdote, quen collerá unha presa da fariña, como lembranza, e queimaraa no lume do altar do Señor. É un sacrificio polo pecado. 13Con isto o sacerdote expiará o pecado cometido dalgunha destas maneiras e quedaralle perdoado. O resto da ofrenda pertence ó sacerdote, como na oblación normal".
Sacrificios de reparación
14O Señor díxolle a Moisés: 15—"Se alguén comete, sen se decatar, un pecado de fraude, diminuíndo algo das ofrendas consagradas ó Señor, presentará do seu gando miúdo, como reparación ó Señor, un carneiro sen chata; avaliarao en siclos de prata, conforme se adoita no santuario, como sacrificio de expiación. 16Polo prexuízo causado ó santuario, sacando do consagrado, devolverá todo engadíndolle un quinto máis. Entregarallo ó sacerdote, quen coa ofrenda do carneiro, expiará polo pecado, e seralle perdoado. 17Calquera que teña pecado, facendo, sen se decatar, algo que o Señor privou de facer, faise culpable ó coñecelo, e queda obrigado a expiar a súa culpa. 18Presentará ó sacerdote un carneiro do seu gando miúdo sen chata, avaliado en proporción ó delito, e con el expiará o sacerdote polo pecado cometido sen decatarse do que facía, e quedaralle perdoado. 19É unha reparación, unha verdadeira reparación diante do Señor".
Fraude nos bens do próximo
20O Señor díxolle a Moisés: 21"Se alguén peca, facendo un fraude contra o Señor por negarlle ó seu próximo algún empréstemo, ou algún diñeiro que lle deran a gardar ou non devolve a cousa peñorada, ou lle rouba algo pola forza ó seu próximo, 22ou se non quere entregar o obxecto alleo atopado, ou xura en falso nalgún dos casos nos que adoitan facelo os homes, pecando con iso: 23se alguén peca dalgunha destas maneiras, terá que devolver todo canto negou, ou roubou, ou usurpou pola forza; ou se quedou co diñeiro que lle deran a gardar, ou non entregou a cousa perdida que atopou, 24e por calquera das cousas polas que xurou en falso, devolverao todo e engadirá un quinto máis, e entregarao el mesmo en persoa ó seu dono no mesmo día en que faga a reparación do seu delito. 25Como reparación ó Señor ofrecerá por medio do sacerdote un carneiro do seu gando, sen chata, de conformidade coa súa taxación. 26O sacerdote expiará con el diante do Señor, e seralle perdoado o seu pecado, calquera que fose a cousa que fixo".
Currently Selected:
Levítico 5: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT