YouVersion Logo
Search Icon

Levítico 7

7
Sacrificio de reparación
1Este é o regulamento do sacrificio de reparación polo delito. É unha cousa sacrosanta. 2No mesmo lugar no que se sacrifica a vítima do holocausto, terá que ser sacrificada a vítima polo delito, e o seu sangue será vertido arredor enriba do altar. 3Despois ofrecerase toda a súa graxa, o rabo, o unto que envolve as entrañas, 4os dous riles e a graxa que os rodea, ademais da que hai nas illargas, o unto e a graxa que envurulla o fígado e os riles. 5O sacerdote queimará todo iso no altar. É un holocausto para o Señor, un sacrificio de reparación polo delito. 6Poderana comer soamente os varóns, sacerdotes, no lugar sagrado. É unha cousa sacrosanta.
7A mesma lei para o sacrificio de expiación será para o da reparación. A vítima pertencerá ó sacerdote que fai a expiación. 8O coiro da vítima será soamente para o sacerdote que ofrece o holocausto. 9Calquera oblación asada no forno, fritida na tixola ou cocida na tarteira será só para o sacerdote oferente. 10Toda ofrenda mesturada con aceite ou seca será para todos os fillos de Aharón: para cada un ou para toda a súa comunidade.
Sacrificio de comuñón
11Este é o regulamento do sacrificio de comuñón, que se lle ofrece ó Señor. 12Quen queira presentar unha oblación para dar grazas, ademais da vítima da ofrenda, ofrecerá bolos sen fermento adobados con aceite e bolas sen fermento sazonadas con aceite e tortas de flor de fariña mesturada con aceite. 13A máis da súa oblación presentará bolos de pan con fermento e a maiores a vítima para o sacrificio de acción de grazas. 14Unha porción de cada un de todos os sacrificios ofrecidos ó Señor será para o sacerdote, quen asperxeu con sangue da vítima de comuñón. 15A carne da vítima do sacrificio de comuñón terá que ser comida no mesmo día, non se deixará nada dela para o día seguinte.
Sacrificios votivos
16Se a vítima se ofrece para cumprir un voto ou unha promesa voluntaria, comerase no mesmo día en que se sacrifica, pero o sobrante poderase comer no día seguinte. 17O resto da carne da vítima queimarase no lume ó terceiro día. 18Se alguén quixese comer carne da vítima do sacrificio de comuñón no terceiro día, non lle será aceptable a súa oblación, non se terá por válida: será rexeitada e quen coma dela cargará coa súa culpa. 19Se algunha parte desta carne tocou algo impuro, non se poderá comer, terá que ser queimada no lume; pero a outra carne poderá comela o que estea puro. 20Calquera que coma carne do sacrificio de comuñón sendo culpable dalgunha impureza, será exterminado do medio do seu pobo. 21Quen toque algo impuro, ben de home, ben de animal, ben dalgún outro obxecto impuro, e coma da carne do sacrificio de comuñón ofrecido ó Señor, será exterminado do medio do seu pobo".
22O Señor díxolle a Moisés: 23—"Fálalles ós fillos de Israel e dilles: Ninguén comerá nada da graxa do boi, nin da ovella nin da cabra. 24A graxa dun animal morto ou esnaquizado por fera poderase empregar para calquera uso, pero en ningún caso se comerá. 25Calquera que coma da graxa das vítimas que se poden ofrecer en holocausto ó Señor, será exterminado do medio do seu pobo. 26Onde queira que residades, endexamais comeredes sangue nin de cuadrúpedes, nin de aves. 27Calquera que coma dalgunha caste de sangue, será exterminado do medio do seu pobo".
28Díxolle o Señor a Moisés: 29"Fálalles ós fillos de Israel e dilles: O que ofreza un sacrificio de comuñón ó Señor, presentará unha parte da vítima, 30levando nas propias mans o que ten que ser queimado á honra do Señor: a graxa e o peito. O peito para abalalo diante do Señor. 31O sacerdote queimará no altar a graxa. O peito será para Aharón e seus fillos. 32Como tributo, darédeslle ó sacerdote a perna dereita dos vosos sacrificios de comuñón. 33O pernil dereito de diante perténcelle ó sacerdote que ofrece o sangue e a graxa do sacrificio de comuñón. 34Porque o peito abalado ritualmente e o pernil dereito, que eu reservo dos sacrificios de comuñón dos fillos de Israel, dóullelos ó sacerdote Aharón e a seus fillos como dereito perpetuo, obrigatorio para os fillos de Israel. 35Esa é a parte dos sacrificios queimados para o Señor, que lles corresponde a Aharón e a seus fillos, desde o día en que foron consagrados sacerdotes para o Señor. 36Isto é o que mandou o Señor que lles dean os fillos de Israel ós sacerdotes no día da súa consagración, dereito perpetuo para todas as xeracións. 37Este é o regulamento do holocausto, da oblación, do sacrificio de expiación, da consagración e do sacrificio de comuñón, 38que lle mandou o Señor a Moisés no monte Sinaí, no día en que lles ordenou ós fillos de Israel que presentasen as súas ofrendas ó Señor no deserto do Sinaí".

Currently Selected:

Levítico 7: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Levítico 7