Levítico 4
4
Sacrificios de expiación
1O Señor díxolle a Moisés: 2—"Fálalles ós fillos de Israel e dilles: Calquera que peque, sen o saber, contra un mandamento de Iavé, facendo algo que El privou de facer, entón: 3Se o que peca é o Sumo Sacerdote, o unxido —que, como tal, fai culpable ó pobo—, ofrecerá polo pecado cometido en prexuízo do pobo un xato de boi sen chata á honra do Señor. 4Levará o xato diante do Señor á porta da Tenda do Encontro, imporá a súa man sobre a cabeza do becerro, e sacrificarao alí diante do Señor. 5O sacerdote, o unxido, collerá do sangue da vítima e entrará na Tenda do Encontro. 6Mollará o sacerdote os seus dedos no sangue e asperxerá con el sete veces de cara ó veo do santuario. 7Tinguirá despois o sacerdote co sangue as esquinas do altar do incenso recendente, que está diante do Señor na Tenda do Encontro, e todo o resto do sangue da vítima verterao ó pé do altar dos holocaustos, situado no limiar da Tenda do Encontro. 8Collerá logo toda a graxa do xato do sacrificio expiatorio, tanto a que envolve as entrañas, coma o unto dos intestinos, 9os dous riles coa graxa que os envurulla, a que ten nas illargas e a membrana que envolve o fígado e os riles, 10e dun xeito semellante a como se fai co becerro do sacrificio de comuñón, o sacerdote queimarao no altar dos holocaustos. 11Emporiso a pelica do xato, toda a súa carne, a cabeza, as patas, as entrañas e excrementos, 12todo o resto do becerro será levado fóra do campamento a un lugar puro, onde se botan as cinsas: alí será queimado enriba da leña. O becerro será queimado no mesmo lugar onde se botan as cinsas.
13Se quen peca é toda a comunidade de Israel, pero non se decata a comunidade de que fai algo que o Señor privou de facer, 14cando a comunidade se decate do pecado cometido, ofrecerá polo pecado un xato. Presentarao diante da Tenda do Encontro. 15Os patrucios da comunidade imporán as súas mans sobre a cabeza do xato diante do Señor, e sacrificarano diante do Señor. 16O sacerdote, o unxido, levará do sangue da vítima para a Tenda do Encontro, 17mollará os seus dedos no sangue e asperxerá con el sete veces de cara ó veo, 18tinguirá con sangue as esquinas do altar, que está na Tenda do Encontro diante do Señor, e verterá todo o resto do sangue ó pé do altar dos holocaustos, que está no limiar da Tenda do Encontro. 19Recollerá toda a súa graxa e queimaraa no altar, 20facendo con esta vítima como fixera co xato do sacrificio expiatorio. O sacerdote fará con el a expiación pola comunidade e serán perdoados. 21Levará o xato fóra do campamento e queimarao, como queimaran o xato anterior, como sacrificio de expiación polo pecado da comunidade.
22Se o que peca é un xefe, facendo algo sen se decatar de que Iavé, o seu Deus, o privou de facer, 23cando se decate de que cometeu un pecado, ofrecerá como sacrificio un chibo, macho sen chata. 24Imporá a súa man sobre a cabeza do chibo, e sacrificarao no lugar adoitado para matar as vítimas do holocausto diante do Señor, pois é un sacrificio expiatorio. 25O sacerdote collerá do sangue do animal e cos seus dedos tinguirá as esquinas do altar dos holocaustos. O resto do sangue verterao ó pé do mesmo. 26Despois queimará todas as graxas no altar, como fixera co unto do sacrificio de comuñón. Desta maneira expiará o sacerdote polo seu pecado, e seralle perdoado.
27Se o que peca é un calquera do pobo, facendo, sen decatarse, algo que o Señor privou de facer, 28cando se decate de que cometeu pecado, ofrecerá como sacrificio, unha cabra, femia sen chata, para expiar polo pecado cometido. 29Imporá a súa man sobre a cabeza da vítima e sacrificará a cabra no lugar dos holocaustos. 30O sacerdote collerá do sangue da cabra e cos seus dedos tinguirá as esquinas do altar dos holocaustos e o resto do sangue verterao ó pé do altar. 31Separará toda a súa graxa, como fora separada a graxa do sacrificio de comuñón, e queimaraa o sacerdote no altar como recendo para o Señor. O sacerdote expiará por el, e seralle perdoado. 32Se ofrece un año como sacrificio polo seu pecado, presentará unha femia sen chata. 33Imporá a súa man sobre a cabeza da vítima e sacrificaraa en expiación no lugar no que se adoita matar as vítimas do holocausto. 34O sacerdote collerá do sangue, e cos seus dedos tinguirá con el as esquinas do altar do holocausto, e todo o sangue restante verterao ó pé do altar. 35Recollerá toda a graxa, como fixera coa graxa do año do sacrificio de comuñón, e queimaraa no altar, xunto coas vítimas queimadas ó Señor. O sacerdote expiará así pola tal persoa, por causa do seu pecado, e seralle perdoado.
Currently Selected:
Levítico 4: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT