Levítico 24
24
O Candelabro e os pans da proposición
1O Señor faloulle a Moisés:
2—"Manda ós fillos de Israel que che traian aceite de oliveira, puro e virxe, para acender o candelabro, e que se manteña sempre aceso. 3Aharón colocarao pola banda de fóra do veo da Tenda do testemuño, e arderá decote desde a tarde ata a mañá diante do Señor. É lei perpetua para todas as vosas xeracións. 4Disporás as candeas no candelabro de ouro puro, e alumarán decote diante do Señor. 5Collerás flor de fariña, e farás doce bolos de dúas décimas cada un, 6e disporalos en dúas filas, seis en cada unha enriba de mesa de ouro puro diante do Señor. 7Enriba de cada fila porás incenso puro, que será sobre o pan como recendo de lembranza para ser queimado na honra do Señor. 8Sempre cada sábado renovaralo diante do Señor. Será estatuto perpetuo para os fillos de Israel. 9Pertencerán a Aharón e ós seus fillos. Só eles o poderán comer no santuario, porque son cousa sagrada, recollida das ofrendas presentadas ó Señor e perténcelles a eles por dereito perpetuo".
Castigo do que blasfema
10Xurdiu entre os israelitas un que era fillo de nai israelita e de pai exipcio, e pelexou cun israelita no campamento. 11O fillo da muller israelita blasfemou contra o nome de Deus, e por iso foi levado onda Moisés (o nome da nai era Xelomit, filla de Dibrí, da tribo de Dan). 12Puxérono baixo garda ata que dixese o Señor o que tiñan que lle facer. 13Faloulle o Señor a Moisés: 14—"Levade o blasfemo fóra do campamento, que todos os que o oíron lle impoñan as súas mans sobre a cabeza, e que a comunidade toda o mate a pedradas. 15Despois diraslles ós israelitas: Calquera que aldraxe o nome do seu Deus, cargará co seu pecado. 16Quenquera que aldraxe o nome do Señor morrerá sen remedio. A comunidade toda terá que o matar a pedradas, sexa estranxeiro sexa nativo. Calquera que aldraxe o nome do Señor será matado.
Lei do talión
17Se algún lle bate a outro ata o matar, será castigado coa morte. 18Quen mate un animal a golpes, terá que devolver outro: animal por animal. 19Calquera que lle faga dano ó seu próximo, faráselle a el o mesmo, 20fenda por fenda, ollo por ollo, dente por dente. O que lle fixo ó outro, faráselle a el do mesmo xeito. 21O que mata un animal alleo, terá que o pagar; o que mata a un home, tamén será el matado. 22Haberá entre vós un só xuízo para todos, o mesmo para o forasteiro e para o nativo. Eu son o Señor, Deus de todos vós".
23Despois de lles falar Moisés ós israelitas, sacaron o blasfemo fóra do campamento e acantazárono todos os fillos de Israel, tal como lle ordenara o Señor a Moisés.
Currently Selected:
Levítico 24: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT