YouVersion Logo
Search Icon

Levítico 25

25
O Ano sabático
1Faloulle o Señor a Moisés no monte Sinaí: 2—"Dilles ós israelitas: Cando entredes na terra, que eu vos hei dar, darédeslle a esta terra un repouso sabático en honor do Señor. 3Durante seis anos sementarás os teus eidos, podarás a túa viña e recollerás os seus froitos. 4O sétimo ano será de repouso total en honra do Señor para esa terra; nin sementarás lo teu eido nin podarás a túa viña. 5Non segarás o que naza sen que fose sementado, nin vendimarás as uvas que naceron na viña sen ser traballada. Será un repouso total para a terra. 6O que produza a terra no ano sabático, chegará para alimentarvos a ti, ó teu criado, a túa criada, ó teu xornaleiro, ó teu parceiro e a todos os forasteiros que moran contigo. 7Tamén para a túa facenda e para todo o gando que vive no país, servirá de alimento tan só o que a terra produza de seu.
O Xubileu
8Contarás sete semanas de anos, isto é, sete veces sete anos, que serán para ti unha semana de semanas de anos, é dicir, corenta e nove anos. 9Farás soar o corno do xubileu no décimo día do sétimo mes: no día grande da expiación faredes resoar o corno en todo o voso país. 10Santificaredes o ano cincuenta e promulgaredes unha gran liberación para todo o país e para todos os seus habitantes. Será para vós o gran xubileu, cada un volverá ser dono de todos os seus eidos, e cada persoa tornará á súa familia. 11Cada ano cincuenta será para vós Ano Xubilar. Non sementaredes nin segaredes o que naza de seu, nin vendimaredes as uvas nacidas. 12O Xubileu será para vós tempo santo. Comeredes só o que produza a terra. 13Neste ano do xubileu cada un tornará a ser dono da súa herdanza. 14Cando vendades unha herdade a un veciño ou cando lle compredes un eido, que ninguén estafe a seu irmán. 15Pagaraslle ó teu próximo segundo o número de anos transcorridos desde o xubileu, e el venderache no prezo que corresponda co número de colleitas que restan: 16se son moitos anos, pagarás máis a compra; se son poucos anos pagarás menos, pois o que vende só che vende o número de colleitas. 17Non vos defraudedes uns ós outros, temeredes o voso Deus. Eu son o Señor, o voso Deus.
18Cumpriredes os meus estatutos e gardaredes os meus mandamentos, e faredes o que eu vos ordeno, para que habitedes en paz no voso país. 19A terra daravos o seu froito, para que comades a fartar e para que habitedes nela en paz. 20Se preguntardes: Que comeremos no ano sétimo, se nin podemos sementar, nin recoller os nosos campos?, 21eu heivos mandar as miñas bendicións no ano sexto, e a terra havos dar unha colleita de abondo para tres anos. 22Cando sementedes no ano oitavo, comeredes da colleita vella ata que veña a nova. 23Non venderedes as herdades para sempre, pois a terra é miña, e vós sodes peregrinos e forasteiros onda min. 24A toda a terra da vosa propiedade respectarédeslle o dereito de rescate. 25Se teu irmán se endebeda e se ve precisado de vender un dos seus eidos, o parente máis achegado del poderá rescatar a venda de seu irmán. 26Se un calquera de vós non tivese ningún parente, pero co seu traballo chegase a recadar cartos de abondo para pagar o rescate, 27descontará os anos transcorridos desde a venda, devolveralle o resto ó comprador e recuperará así a propiedade do seu eido. 28Se, non obstante, non adquire diñeiro abondo para o rescate, a cousa vendida quedará no poder do que a mercou ata o ano xubilar; pero ó chegar o Xubileu tornará a ser do primeiro dono.
Propiedade das casas
29Cando alguén venda unha casa habitable en cidade amurallada, terá dereito a volver o trato atrás durante todo o primeiro ano desde a venda. Nese tempo poderá ser rescatada. 30Se non se rescata durante todo ese ano, esa casa situada dentro da cidade amurallada pertencerá para sempre ó comprador e ós seus herdeiros, e non terá dereito a ser rescatada no Xubileu. 31Con todo, as casas de aldeas, que non teñen muros arredor, serán consideradas coma terras: estarán baixo o dereito de rescate, e terán que ser devoltas no Xubileu.
32As cidades levíticas, nas que teñan os levitas casas en propiedade, conservarán o dereito de rescate a perpetuidade. 33Se alguén lle compra a un levita a casa que teña dentro de cidade pertencente ós levitas, a compra só será valedoira ata o Xubileu. O chegar o Xubileu, a casa vendida quedará libre, porque as casas das cidades dos levitas son propiedade deles no medio dos fillos de Israel. 34Tampouco poderá ser vendido o terreo de arredor destas casas nestas cidades, porque é propiedade perpetua deles. 35Se un irmán teu se endebeda e non ten con que che pagar, manteralo coma se fose o teu hóspede ou forasteiro, e vivirá contigo. 36Non lle esixirás rendas nin usuras, senón que temerás o teu Deus e deixarás vivir contigo ó teu irmán. 37Non lle emprestarás cartos a réditos, nin lle darás a comida por diñeiro. 38Eu son o Señor, o voso Deus, que vos saquei da terra de Exipto e deivos o país de Canaán para ser o voso único Deus.
Liberación dos escravos
39Se tes de veciño algún irmán teu, que por caer na pobreza, ten que se che vender a ti, non lle imporás traballos de escravo: 40vivirá na túa casa coma se fose un xornaleiro ou forasteiro, e servirate ata o ano do Xubileu. 41Entón sairá libre de onda ti, el e mais os seus fillos, tornará á súa familia e recuperará a herdanza de seus pais. 42Pois son servos meus, saqueinos eu de Exipto, e non poderán ser vendidos coma escravos. 43Non o maltratarás, senón que temerás o teu Deus. 44Poderedes adquirir escravos e escravas, que vos sirvan, de entre os pobos de arredor. De entre eles podedes mercar criados e criadas. 45Tamén os podedes comprar de entre os fillos dos estranxeiros que moran convosco, e de entre as familias deles, nacidos e medrados na vosa terra, e poderán ser propiedade vosa. 46Poderédelos deixar en herdanza ós vosos fillos; pero se son vosos irmáns, non os trataredes con dureza, xa que sodes todos fillos de Israel.
Dereitos dos forasteiros
47Se algún forasteiro ou hóspede que tes contigo, chegase a facerse rico onda ti e un irmán teu se endebeda ó seu lado e se ten que vender ó forasteiro ou ó hóspede ou ós descendentes da súa familia, 48despois da venda terá dereito a ser rescatado: algún dos seus irmáns poderao rescatar. 49Tamén o poderá rescatar un tío seu ou un fillo de seu tío ou algún outro dos parentes da súa familia, ou, se se fai rico, el mesmo se poderá rescatar. 50Contará de acordo co seu comprador desde o ano da venda ata o ano do Xubileu: a cantidade de diñeiro que terá que lle dar, será a que lle corresponda segundo o número de anos, coma se se tratase dos días dun xornaleiro. 51Se aínda lle faltan moitos anos, devolveralle un rescate conforme o prezo no que foi comprado. 52Pero se lle faltan poucos anos ata o ano do Xubileu, botarán contas e devolveralle o rescate que lle toque. 53Tratarao coma a un xornaleiro, ano por ano, sen o maltratar en nada. 54Se non se puidese rescatar antes, ó chegar o Xubileu, quedarán libres tanto el coma os fillos que teña consigo, 55porque os fillos de Israel son servos meus, pois fun eu quen os sacou de Exipto. Eu son o Señor, o voso Deus.

Currently Selected:

Levítico 25: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in