Levítico 23
23
As grandes festas: o sábado
1Faloulle o Señor a Moisés:
2—"Fálalles ós fillos de Israel: As festas do Señor, as miñas solemnidades, que habedes de celebrar en asemblea sagrada, son estas: 3Durante seis días faredes os vosos traballos. No día sétimo gardaredes repouso total, teredes asemblea sagrada: non faredes ningún traballo, será repouso para loanza do Señor en todo país onde habitedes. 4Estas son as festas do Señor, asembleas sagradas, que convocaredes no seu tempo.
A Pascua e os Ácimos
5No día catorce do primeiro mes, entre lusco e fusco será a Pascua do Señor. 6No día quince do mesmo mes será a festa dos Ácimos a honra do Señor. Durante sete días comeredes alimentos sen fermento. 7O primeiro día teredes asemblea santa, non faredes ningún traballo servil. 8Ofreceredes holocaustos ó Señor, en cada un dos sete días. No sétimo día volveredes ter asemblea santa, e non faredes ningún traballo servil".
O primeiro monllo
9Faloulle o Señor a Moisés: 10—"Fálalles ós fillos de Israel: cando entredes na terra que vos hei dar eu, e fagades a seitura das primeiras anadas, levarédeslle ó sacerdote un monllo da vosa primeira colleita. 11El erguerao, facendo o xesto de ofrendalo diante do Señor ó amencer do día do repouso e ofrecerao. 12No mesmo día en que fagades a ofrenda do voso monllo, queimaredes en holocausto ó Señor un año dun ano, sen tacha, 13xunto coa ofrenda de dúas décimas de flor de fariña mesturada con aceite, que será queimada a honra do Señor, como perfume de recendo para o Señor, ademais da correspondente libación dun cuarteirón de hin de viño. 14Non comeredes pan, nin grans torrados nin espigas tenras antes dese día, no que presentaredes a ofrenda ó voso Deus. É unha lei perpetua para todas as vosas xeracións en todos os países nos que habitedes.
Pentecoste
15Desde a mañá do día seguinte ó sábado no que trouxestes o voso primeiro monllo para ser presentado, contaredes sete semanas enteiras, 16e ata o día seguinte do sétimo sábado contaredes cincuenta días; entón ofreceredes unha oblación nova ó Señor. 17Das vosas moradas traeredes, para ofrecelos, dous pans feitos con dúas décimas de flor de fariña e co fermento correspondente, como primicias para o Señor. 18Ademais do pan, ofreceredes sete años dun ano sen tacha, un xovenco e dous carneiros, que serán presentados en holocausto ó Señor, xunto coas oblacións e libacións correspondentes, e arderán como perfume recendente para o Señor. 19Presentaredes un chibo como vítima de expiación, e dous años dun ano como sacrificio de comuñón. 20O sacerdote abalaraos ritualmente xunto co pan das primicias, como oblación diante do Señor, ademais dos dous años; serán consagrados á honra do Señor e serán para o sacerdote. 21Nese mesmo día convocaredes a asemblea sagrada, que será santa para vós, e non poderedes facer ningún traballo servil. É lei perpetua en todas as terras en que habitedes por todas as xeracións. 22Cando fagades a seitura do pan na vosa terra, non segaredes ata os recunchos dos vosos eidos, nin espigaredes no segado: deixaredes as espigas caídas para o pobre e o forasteiro. Eu son o Señor, o voso Deus".
O Ano Novo
23Faloulle o Señor a Moisés: 24—"Dilles ós israelitas: no sétimo mes, o día primeiro do mes será para vós de grande repouso, lembranza solemne a son de trompeta, e asemblea sagrada. 25Non faredes ningún traballo servil e ofreceredes holocaustos ó Señor".
Día da Expiación
26Faloulle o Señor a Moisés: 27—"No décimo día do sétimo mes, será o día da expiación. Celebraredes asemblea sagrada, mortificarédesvos e ofreceredes vítimas de lume ó Señor. 28Nese día non faredes ningún traballo servil, por ser o día da expiación para vos purificardes diante do Señor, o voso Deus. 29Toda persoa que nese día non se mortifique, será exterminada do medio do seu pobo. 30Calquera que nese día faga algún traballo servil, eu farei que sexa exterminado do medio do seu pobo. 31Non faredes ningún traballo: lei perpetua para todas as vosas xeracións en todas as vosas moradas. 32Día de grande repouso será para vós, e habédesvos de mortificar desde a tarde do día noveno dese mes ata a tarde do día seguinte, e gardaredes o voso repouso sabático".
Festa das Cabanas ou das Tendas
33Faloulle o Señor a Moisés: 34—"Dilles ós israelitas: No día quince deste sétimo mes, será a festa das cabanas á honra do Señor. Durará sete días. 35No día primeiro celebraredes asemblea sagrada, non faredes ningún traballo servil. 36Durante os sete días ofreceredes ó Señor vítimas de lume. No día oitavo teredes de novo asemblea sagrada, e queimaredes vítimas ó Señor. É día de repouso, non faredes ningún traballo servil. 37Estas son as solemnidades do Señor, que celebraredes convocando asembleas sagradas, queimando vítimas ó Señor: holocausto, oblación, sacrificio e libación, conforme estea mandado para cada día. 38Iso á parte dos sábados do Señor, das vosas doazóns, de todas as vosas promesas votivas e das vosas ofrendas voluntarias, que adoitades ofrecer ó Señor. 39No día quince do sétimo mes, cando teñades feita a colleita dos froitos da terra, festexaredes a gran solemnidade do Señor, durante sete días; con repouso total tanto o primeiro día coma o oitavo. 40No día primeiro colleredes froito das mellores árbores, ramos de palmeira, ramallos de árbores frondosas e de salgueiros dos regatos; folgaredes diante do Señor, o voso Deus, durante os sete días. 41Cada ano festexaredes esta solemnidade á honra do Señor, durante sete días. É lei perpetua para todas as vosas xeracións. Festexarédela no sétimo mes. 42Moraredes en cabanas os sete días. Todos os nativos de Israel morarán en cabanas, 43para que os vosos descendentes saiban que en cabanas fixen eu que morasen os israelitas, cando os saquei de Exipto. Eu son o Señor, o voso Deus". 44E Moisés promulgoulles as solemnidades do Señor ós fillos de Israel.
Currently Selected:
Levítico 23: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT