Levítico 20
20
Penas e castigos dos transgresores
1O Señor faloulle a Moisés: 2—"Dilles ós fillos de Israel: Calquera dos fillos de Israel ou dos forasteiros que moran en Israel que lle sacrifique un fillo a Molok, morrerá sen remedio. A xente do seu pobo acantazarao con pedras. 3Eu mesmo me encararei con el, e exterminareino do medio do meu pobo, porque, entregando a Molok da súa descendencia, contaminou o meu santuario e profanou o meu nome santo. 4Se, non obstante, os seus conveciños pechasen os ollos para non veren que tal home sacrificou un descendente seu a Molok e non o teren que matar, 5eu mesmo tornarei o meu rostro contra o tal home e contra a súa parentela, e arrincareino do medio do seu pobo, a el e a cantos prevaricaron detrás del, prostituíndose diante de Molok. 6O individuo que vaia ós adiviños e bruxos para se prostituír con eles, eu mesmo me encararei con el e o farei arrincar do medio do seu pobo. 7Vós tendes que vos santificar, seredes santos, porque eu son o Señor, o voso Deus. 8Gardade os meus decretos e cumprídeos. Eu son o Señor que vos santifico:
9Calquera que maldiga a seu pai e súa nai, morrerá sen remedio: maldiciu a seu pai e súa nai, terá que cargar co seu pecado.
10O home que cometa adulterio coa muller doutro, morrerá sen remedio, tanto el coma ela. 11Calquera que se deitou coa muller de seu pai, descubriu a nudez de seu pai: os dous morrerán sen remedio, cargarán co seu pecado. 12O home que se deitou coa súa nora, ámbolos dous morrerán sen remedio: cometeron unha abominación, cargarán co seu pecado. 13O home que se deitou con outro home, coma se fose muller, ámbolos dous morrerán sen remedio: cometeron unha abominación, cargarán co seu pecado. 14O home que colla por muller a unha filla e mais a súa nai, comete unha abominación: terán que ser queimados no lume tanto el coma elas; non permitiredes tal abominación no medio de vós. 15O home que faga o coito cunha besta morrerá sen remedio, e mataredes tamén a besta. 16A muller que se achegue a un animal calquera e faga con el o coito, morrerá xunto co animal: os dous morrerán sen remedio, cargarán co seu pecado. 17O home que colla a súa irmá, filla de seu pai ou de súa nai, e vexa a súa nudez e ela vexa a nudez del, cometen unha ignominia: serán exterminados á vista dos seus conveciños; por descubrir a nudez da súa irmá, cargará coa súa perversidade. 18O home que se deitou cunha muller que está coa menstruación e viu a súa nudez, descubrindo o seu fluxo, e ela mesma o descubriu, os dous serán exterminados do medio do seu pobo. 19Non descubrirás a nudez da irmá de túa nai, nin a da irmá de teu pai, porque descobres a súa propia carne: cargarán coa súa culpa. 20O home que se deitou coa muller do seu tío, descubriu a nudez do seu tío: cargarán co seu pecado e morrerán sen descendencia. 21O home que colla a muller do seu irmán, comete unha abominación, descobre a nudez do seu irmán: non terá descendencia.
Amoestación xeral
22Gardade todos os meus decretos e todos os meus mandatos, e cumprídeos, para que non vos vomite a terra na que eu vos vou facer entrar, a fin de que moredes nela. 23Non vos comportedes de acordo cos costumes da xente que eu vou exterminar de diante de vós, porque estou farto deles por teren cometido todas estas cousas. 24Xa volo teño dito: vós seredes donos da súa terra; eu mesmo vola vou dar en posesión: unha terra que deita leite e mel. Eu son o Señor, o voso Deus, que vos separei dos demais pobos.
25Separaredes os animais puros dos impuros, os paxaros impuros dos paxaros puros. Non vos contaminaredes con besta, nin ave, nin réptil que se arrastra polo chan, e que eu vos mandei refugar como impuros. 26Seerédesme santos, porque eu o Señor son santo, e separeivos dos outros pobos, para que sexades tan só para min. 27O home ou a muller que exerza como adiviño ou como bruxo, terá que ser morto sen remedio, morrerá acantazado: serán responsables do propio sangue".
Currently Selected:
Levítico 20: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT