Levítico 19
19
Santidade de todo o pobo e de cada un
1Díxolle o Señor a Moisés:
2—"Fálalle á comunidade dos fillos de Israel e dilles: Sede santos, porque santo son eu, o Señor, o voso Deus. 3Cada un respecte a súa nai e a seu pai, e garde os meus sábados. Eu son o Señor, o voso Deus. 4Non tornaredes os ollos cara ós ídolos, nin vos fagades deuses de metal fundido. Eu son o Señor, o voso Deus. 5Cando ofrezades un sacrificio de comuñón ó Señor, ofrecede unha vítima que sexa do voso gusto; 6comerédela no mesmo día en que foi sacrificada ou no día seguinte. O que vos sobre para o día terceiro, queimarédelo no lume. 7Se algún se atreve a comela no terceiro día, estaría xa corrompida: non será aceptable. 8Quen coma dela, cargará coa súa iniquidade, por profanar unha cousa consagrada ó Señor: ese tal será exterminado do seu pobo.
Función social da propiedade e respecto polos bens alleos
9Cando fagades a seitura dos vosos campos, non seguedes todos os recantos do eido, nin fagades a rebusca das espigas caídas. 10Tampouco non farás a rebusca da túa viña, nin aproveitarás os acios. Serán para o pobre e o forasteiro. Eu son o Señor o teu Deus. 11Non roubaredes, nin negaredes o prestado, e que ninguén engane ó seu próximo. 12Non xuraredes en falso no meu nome, sería aldraxar o nome do teu Deus. Eu son o Señor. 13Non oprimirás, nin espoliarás o teu próximo, nin reterás contigo o xornal do teu obreiro durante a noite ata a mañá. 14Non maldicirás o xordo, nin lle porás atrancos ó cego: temerás o teu Deus. Eu son o Señor. 15Non serás inxusto cando xulgues: non favorecerás o feble nin honrarás o poderoso. Xulgarás con xustiza ó teu próximo. 16Non espallarás calumnias entre os teus conveciños, nin quedarás indiferente cando lle batan ó teu próximo. Eu son o Señor. 17Non terás odio de corazón ó teu irmán; e reprenderás con decisión o teu próximo, para non cargar co seu pecado. 18Non te vingarás nin lles terás xenreira ós teus conveciños: amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Eu son o Señor. 19Gardade os meus estatutos. Non aparearás animais de especies diferentes, nin sementarás no teu eido sementes diferentes, mesturándoas, nin vestirás roupas tecidas con fíos distintos de lá e de liño. 20Se un home se deita cunha muller, e se ela é escrava e está casada con outro home e non foi redimida aínda nin se lle deu a liberdade, serán azoutados ambos; pero non morrerán, por non estar aínda redimida. 21Terá que presentar ó Señor polo seu delito, diante da Tenda do Encontro, un carneiro para o sacrificio de reparación. 22Mediante o carneiro polo delito, o sacerdote expiará por el diante do Señor pola culpa contraída, e seralle perdoado o pecado cometido.
23Cando deades entrado na terra prometida e plantedes calquera caste de árbores para comer, durante tres anos teredes os seus froitos por incircuncisos: serán profanos para vós, non os comeredes. 24Todo o seu froito do cuarto ano será consagrado para loanza do Señor. 25No quinto ano comeredes o seu froito, así aumentará para vós o seu produto. Eu son o Señor, o voso Deus.
26Non comeredes cousa ningunha con sangue. Non botaredes sortes nin faredes adiviñacións. 27Non raparedes, a xeito de coroa, a vosa cabeza, nin recortaredes a barba polos lados. 28Non faredes incisións no voso corpo, en sinal de loito, nin vos faredes tatuar en ningún sitio. Eu son o Señor.
29Non entregues a túa filla á prostitución, para que non se profane a terra, enchéndose de torpezas. 30Gardaredes os meus sábados, e respectaredes o meu santuario. Eu son o Señor. 31Non iredes ós bruxos nin consultaredes os adiviños, contaminándovos con eles. Eu son o Señor, o voso Deus. 32Poraste de pé ante os cabelos brancos e honrarás a presenza do ancián, temendo o teu Deus. Eu son o Señor. 33Se un forasteiro vén morar convosco na vosa terra, non o maltratedes, 34tratádeo coma nativo entre vós, un peregrino máis convosco: amarédelo coma a vós mesmos, porque peregrinos fostes tamén vós no Exipto. Eu son o Señor, o voso Deus. 35Non faredes inxustiza nos xuízos: nin no longo nin no peso, nin na medida. 36Usaredes balanza xusta, pesas boas, efah exacto e hin completo. Eu son o Señor, o voso Deus que vos saquei do país de Exipto. 37Gardaredes todos os meus mandamentos, e seguiredes todos os meus consellos. Eu son o Señor".
Currently Selected:
Levítico 19: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT