Levítico 17
17
Lei da santidade (cc. 17-26)
Matanza de animais
1Faloulle o Señor a Moisés:
2—"Fálalle a Aharón e ós seus fillos e a todos os israelitas e dilles: Esta é a orde, que vos dá o Señor nestas palabras: 3todo israelita que mate un boi, un año ou unha cabra no campamento ou fóra do campamento, 4sen o presentar antes na entrada da Tenda do Encontro, para o ofrecer en sacrificio ó Señor diante do seu tabernáculo, seralle imputado como delito de sangue por ter vertido sangue. Ese home será exterminado do medio do seu pobo. 5Por iso os israelitas han de levar as vítimas que adoitan ofrecer no campo, presentalas ó sacerdote á entrada da Tenda do Encontro, e ofrendalas ó Señor como sacrificio de comuñón. 6O sacerdote asperxerá co sangue o altar do Señor, que está á entrada da Tenda do Encontro e fará queimar a graxa como aroma agradable para o Señor. 7Non ofrecerán sacrificios ós sátiros cos que se prostitúen. Lei perpetua será esta para vós por todas as xeracións. 8Diraslles tamén: todo individuo da familia de Israel ou dos estranxeiros que moran no medio de vós, cando ofrece un holocausto ou un sacrificio, 9e non o leva á porta da Tenda do Encontro, para o sacrificar en honor do Señor, será exterminado do medio do seu pobo. 10Enfrontareime con calquera individuo da familia de Israel ou estranxeiro residente no medio voso, que coman sangue, e exterminareinos do seu pobo. 11Pois a vida do corpo está no sangue, e eu dóuvolo para expiar con el sobre o altar polas vosas vidas. Porque é o sangue o que purifica a persoa. 12Por esta razón díxenlles ós fillos de Israel: Nin vós nin os estranxeiros que moran convosco comeredes sangue. 13Calquera israelita ou estranxeiro residente no medio de vós que cace algún animal ou ave dos que se poden comer, e verte o seu sangue, deberao tapar con terra. 14Pois, sendo a vida de toda carne o seu sangue, eu díxenlles ós fillos de Israel: Non comeredes o sangue de ningunha carne, porque a vida de toda carne é o seu sangue: quenquera que o coma será exterminado. 15Toda persoa nativa ou estranxeira que coma da carne dun animal morto ou esnaquizado, lavará a súa roupa, bañarase en auga, e quedará impuro ata a tarde; despois será puro. 16Pero se non se lava nin baña o seu corpo, cargará coa súa culpa".
Currently Selected:
Levítico 17: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT