Levítico 16
16
O día grande da expiación
1O Señor faloulle a Moisés despois da morte dos dous fillos de Aharón, que morreran ó se aproximaren diante do Señor. 2Díxolle o Señor a Moisés: "Dille a Aharón, teu irmán, que non entre a toda hora no santuario, máis alá do veo, que está diante do propiciatorio que tapa a arca, para que non teña que morrer, porque me lle hei aparecer na nube enriba do propiciatorio. 3Esta é a maneira como Aharón terá que entrar no santuario: Ofrecerá un xovenco para o sacrificio expiatorio, e un carneiro para o holocausto. 4Vestirá unha túnica sagrada de liño, e calzóns tamén de liño no seu corpo, cinguirase cunha faixa de liño e envolverá a cabeza cun pano de liño. Vestirá estas roupas sagradas despois de bañar en auga todo o seu corpo. 5Recibirá da comunidade de Israel dous chibos para o sacrificio expiatorio e un carneiro para o holocausto. 6Primeiro ofrecerá Aharón o xovenco polo propio pecado e polo da súa familia. 7Collerá logo os dous chibos e poraos diante do Señor á porta da Tenda do Encontro. 8Botará sortes sobre os dous chibos. Un tocaralle por sorteo ó Señor e o outro a Azazel. 9Aharón ofrendará como sacrificio expiatorio o que lle tocou ó Señor. 10E o que lle tocou a Azazel presentarao vivo diante do Señor, para expiar por el e mandarallo a Azazel ó deserto. 11Entón presentará Aharón o xovenco polo pecado propio. 12Despois collerá o incensario, cheo de brasas do lume que arde enriba do altar diante do Señor, e, enchendo as súas mans de incenso aromático moído, entrará con todo máis aló do veo. 13Botará o incenso no lume diante do Señor, para que a nube do perfume envolva o propiciatorio, que está sobre a arca do testemuño, e non teña que morrer. 14Despois collerá do sangue do xato, e cos seus dedos asperxerá por riba da tapa do propiciatorio de cara ó abrente, e diante do propiciatorio asperxerá sete veces o sangue cos seus dedos. 15Matará o chibo expiatorio que lle toca ó pobo e levará o sangue do chibo desde o templo para detrás do veo. Fará con el o mesmo que fixera co sangue do xovenco, asperxendo enriba e por diante do propiciatorio. 16Desta maneira purificará o santuario da impureza dos fillos de Israel e das súas prevaricacións e de todas as variedades dos seus pecados. Fará o mesmo coa Tenda do Encontro, situada no medio das impurezas deles. 17Ninguén poderá estar na Tenda do Encontro, namentres el está dentro facendo a purificación do santuario, ata que saia despois de expiar por si, pola súa familia e por toda a comunidade de Israel. 18Sairá de cara ó altar, que está diante do Señor, e fará a súa purificación: collerá do sangue do xovenco e do sangue do chibo, e verterao arredor nas esquinas do altar. 19Asperxerá enriba del o sangue cos dedos sete veces, purificándoo e santificándoo das impurezas dos fillos de Israel. 20Feita a purificación do santuario, da Tenda do Encontro e do altar, presentará o chibo vivo. 21Aharón imporá as súas mans sobre a cabeza do chibo, confesando todas as prevaricacións e todas as iniquidades e todos os pecados dos fillos do Israel, cargándollos enriba da cabeza e despois mandarao, levado pola man dun home axeitado, para o deserto. 22O chibo levará enriba de si todas as iniquidades para unha terra erma, e o que o leve soltará o chibo no deserto. 23Despois Aharón entrará na Tenda do Encontro, espirá a roupa de liño que vestira antes de entrar no santuario, e deixaraa alí. 24Despois de bañar o seu corpo con auga no lugar santo e de vestir a súa roupa ordinaria, sairá e ofrecerá o seu propio holocausto e mais o do pobo: expiará por si mesmo e polo pobo, 25queimando a graxa da vítima de expiación enriba do altar. 26O home que levou o chibo a Azazel, lavará a súa roupa, bañará o seu corpo con auga, e despois diso poderá entrar no campamento. 27O xovenco e mais o chibo do sacrificio expiatorio, dos que se introducira o sangue no santuario, para a expiación, serán levados fóra do campamento e queimaranse no lume o coiro, carne e excrementos. 28Aquel que os queima lavará despois a súa roupa e bañará o seu corpo con auga. Despois diso poderá entrar no campamento. 29Esta será para vós unha lei perpetua: no sétimo mes, no día décimo do mes debédesvos mortificar e privarvos de facer ningún traballo, tanto os nativos coma os forasteiros, que peregrinan no medio de vós. 30Porque é o día de vos purificardes, para quedar puros de todos os vosos pecados diante do Señor. 31É un repouso solemne, debédesvos mortificar. É unha lei perpetua. 32Fará a expiación o sacerdote que foi unxido, o que foi investido do sacerdocio en lugar de seu pai, e vestirá as roupas sagradas de liño, 33purificará o santuario, a Tenda do Encontro e o altar. Expiará polos sacerdotes e por toda a xente da comunidade. 34Será para vós estatuto perpetuo, para que todos os fillos de Israel se purifiquen unha vez por ano de todos os seus pecados. E fíxose como lle mandara o Señor a Moisés".
Currently Selected:
Levítico 16: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT