Levítico 15
15
Pureza sexual
1Faloulles o Señor a Moisés e Aharón: 2—"Faládelles ós fillos de Israel e dicídelles: Calquera que padeza gonorrea, será impuro pola súa secreción. 3Esta será a súa impureza por mor da súa secreción, tanto se fose exterior como se quedase retida: será impuro. 4Todo leito no que se deite o enfermo de gonorrea, será impuro; e todo banco no que se sente, será impuro. 5Calquera que toque o seu leito, terá que lavar a súa roupa, e bañarase, quedando impuro ata a tarde. 6Quen se sente no banco no que se sentou o que padece a enfermidade, lavará a súa roupa e bañarase en auga: quedará impuro ata a tarde. 7O que toque o corpo do que padece o fluxo, lavará a súa roupa e bañarase: quedará impuro ata a tarde. 8Cando o que padece fluxo cospe contra unha persoa pura, esta terá que lavar a súa roupa e bañarse en auga, e quedará impura ata a tarde. 9Calquera que monte no cabalo no que montara o contaxiado de gonorrea, será impuro. 10Calquera que toque algunha cousa que estivo debaixo del, será impuro ata a tarde; e, o que as leve ó lombo, lavará a súa roupa e bañarase en auga, quedando impuro ata a tarde. 11Todo aquel a quen toque o enfermo sen lavar ben as súas mans, lavará a súa roupa, bañarase en auga, quedando impuro ata a tarde. 12O vaso de barro que teña tocado o infectado será esnaquizado, e todo obxecto de pau deberá ser lavado con auga. 13Cando o enfermo de gonorrea sexa purificado da súa impureza, contará para si sete días desde a súa purificación: lavará a súa roupa, bañará o seu corpo en auga corrente, e quedará puro. 14No día oitavo collerá dúas rulas ou dous pombiños, irá diante do Señor á entrada da Tenda do Encontro, e entregarallos ó sacerdote. 15O sacerdote fará con un deles o sacrificio expiatorio e co outro un holocausto, expiando por el ante o Señor, por causa da súa gonorrea.
16O home que teña unha polución, lave con auga todo o seu corpo, e quedará impuro ata a tarde. 17Calquera tecido ou pelica na que caia seme, será lavada con auga, e quedará impura ata a tarde.
18Cando un home e unha muller teñen relacións sexuais, lavaranse con auga, e quedarán impuros ata a tarde. 19A muller que teña a menstruación, será illada durante sete días. Calquera que a toque, quedará impuro ata a tarde. 20Calquera que se deite onde estivo ela durante o seu illamento, será impuro, e quen se sente no mesmo sitio, quedará impuro. 21Calquera que toque no leito dela, lavará a súa roupa, bañarase en auga, e quedará impuro ata a tarde. 22Quen toque nas cousas nas que se sentou ela, lavará a súa roupa, bañarase en auga, e quedará impuro ata a tarde. 23E quen se sente sobre o leito ou enriba de algo no que ela se sentou, con tal que o toque quedará impuro ata o serán. 24Pero, se un home se deita con ela, mentres está ela no tempo do seu fluxo, quedará impuro durante sete días, e todo o leito no que se deitaron quedará impuro. 25A muller que padeza fluxo de sangue moitos días fóra dos que acostuma, ou que ten fluxo ademais do da menstruación, todos os días do fluxo será impura, coma nos días da menstruación. 26O leito no que se deita todos os días do seu fluxo, será para ela coma o leito da súa menstruación, e toda cousa na que se sente será impura coma na impureza do tempo do seu illamento. 27Calquera que a toque, será impuro, terá que lavar a súa roupa, bañarse en auga e quedará impuro ata a tarde. 28Se se purifica do seu fluxo, contará para si sete días, e despois quedará pura. 29No día oitavo collerá dúas rulas ou dous pombiños, e levarallos ó sacerdote á entrada da Tenda do Encontro. 30O sacerdote fará con un deles o sacrificio expiatorio e co outro o holocausto. Fará a expiación por ela diante do Señor, por causa da impureza do seu fluxo. 31Arredaredes os fillos de Israel da súa impureza, para non morrerdes por culpa dela, nin profanardes o meu tabernáculo, que está no medio voso. 32Esta é a lei acerca do que padece gonorrea ou ten polución que o fagan impuro, 33Acerca da que está coa menstruación; é dicir, de todo aquel que padece fluxo, sexa home ou muller, e de todo home que se deite cunha muller impura".
Currently Selected:
Levítico 15: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT