Levítico 11
11
Regras da pureza legal (cc. 11-16)
Animais puros e impuros
1Faloulles o Señor a Moisés e a Aharón: 2—"Faládelles ós fillos de Israel e dicídelles: Estes son os animais que poderedes comer de entre todos os cuadrúpedes da terra: 3todo o que ten o pé rachado e mais a uña fendida e que remoe, podédelo comer. 4Pero de entre os que remoen ou teñen as uñas fendidas, non poderedes comelo camelo, que, aínda que remoe, non ten a uña fendida: será impuro para vós. 5O coello, que remoe, pero non ten o pé fendido, é impuro para vós. 6A lebre, que remoe, pero non ten o pé fendido, é impura para vós. 7O porco, que ten o pé rachado e a uña fendida, pero non remoe, é impuro para vós. 8Non comeredes da súa carne nin tocaredes o seu cadáver: son impuros para vós. 9De entre os que viven na auga podedes comer aqueles que teñen aletas e escamas, tanto que sexan de mar coma de río. 10Pero os que non teñen escamas, tanto de mar coma de río, todo réptil acuático e todo ser que vive na auga, serán abominación para vós. 11Serán abominables para vós, non probaredes a súa carne e teredes noxo dos seus cadáveres. 12Todo o que non ten aletas nin escamas, será abominación para vós.
13Teredes noxo, e non comeredes de ningunha das seguintes castes de aves: a aguia, o voitre barbado, aguia de mar, 14o voitre, o falcón de calquera caste, 15todas as castes de corvos, 16A avestruz, a curuxa, a gaivota e todas as castes de gabián, 17o moucho, o somorgullo e o ibis; 18o cisne, o pelicano e a grúa, 19A cegoña, e toda caste de garza, a bubela e o morcego.
20Todo insecto con ás, que anda en catro patas, será abominable para vós. 21Con todo, de entre os que voan, poderedes comer soamente aqueles que amais dos catro pés teñen patas para choutar polo chan. 22Os que poderedes comer son: toda caste de lagostas, de saltóns, cabaliños e grilos. 23Calquera outro insecto con ás e de catro patas será abominable para vós.
24Os seguintes animais contaminan: calquera que toque o cadáver dalgún destes bechos quedará impuro ata a tarde. 25Aquel que leve ó lombo o cadáver dalgún deles, terá que lavar o seu vestido, e quedará impuro ata a tarde. 26Todo vivente de pata con uña non fendida na punta do seu pé, e que non remoe, será impuro para vós. Quen o toque, quedará impuro. 27De entre os cuadrúpedes serán impuros para vós todos os plantígrados. Quen toque o cadáver dalgún deles, quedará impuro ata a tarde. 28O que leve ó lombo o cadáver deles, terá que lavar o seu vestido e quedará impuro ata a tarde.
29De entre os réptiles serán impuros para vós os que se arrastran polo chan: a donicela, o rato e toda caste de lagartas. 30O ourizo, o camaleón, o lagarto, a tartaruga e a toupa. 31Estes serán impuros para vós. Quen toque o cadáver dalgún deles, quedará impuro ata a tarde. 32E todo aquilo no que caia o cadáver dalgún deles, será impuro. O mesmo que sexa un obxecto de pau coma de tecido, de coiro ou de esparto. En resume, calquera obxecto que sirva para algo, terá que ser metido na auga e quedará impuro ata a tarde. Despois será puro. 33Se cae dentro dun cacharro de barro, todo canto teña nel faise impuro, e o cacharro terá que ser escachado. 34Calquera alimento cociñado con auga no cacharro será impuro, e todo líquido potable que haxa dentro do cacharro será impuro. 35Todo aquilo no que caia o cadáver dalgún destes, farase impuro. Tanto o forno, coma o trespés terán que ser destruídos. Son impuros e como tales os habedes de ter. 36Con todo, as fontes e as cisternas, é dicir, os depósitos de auga, serán puras, a non ser que as toque algún cadáver destes, que as fará impuras. 37Se algún destes cadáveres cae enriba dunha semente para sementar, a semente quedará pura. 38Pero se o gran está mollado e cae enriba del un cadáver destes, quedará impuro para vós. 39Se morre un animal do que se pode comer a carne, e alguén toca o seu cadáver, quedará impuro ata a tarde. 40O que coma dese cadáver, terá que lavar o seu vestido e quedará impuro ata a tarde; o que leve ó lombo o cadáver, terá que lavar o seu vestido, e quedará impuro ata a tarde.
41Todo réptil que anda a rastro polo chan, será abominable: non se pode comer, 42quen ande a rastro polo chan, quen ande en catro ou máis patas, de cantos se arrastran polo chan en ningún caso comeredes, por ser unha abominación. 43Non vos contaminedes con ningún réptil, que se arrastra, non vos fagades impuros con el. 44Pois eu son o Señor, o voso Deus: santificádevos para serdes santos, porque eu son santo. Non vos contaminedes con ningún réptil que se arrastra polo chan. 45Eu son o Señor que vos fixen subir do país de Exipto, para ser o voso Deus: tendes que ser santos, pois eu son santo. 46Esta é a lei referente ós cuadrúpedes, ás aves, a toda caste de bechos que viven na auga ou andan a rastro polo chan. 47Saberedes diferenciar entre o puro e o impuro, e entre os animais que se poden comer e os que non se poden".
Currently Selected:
Levítico 11: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT