Levítico 10
10
Castigo do primeiro pecado dos sacerdotes
1Nadab e Abihú, fillos de Aharón, colleron cadanseu incensario, puxéronlle brasas, botáronlles incenso enriba, e presentaron diante do Señor un lume profano, que non lles fora mandado. 2Xurdiu da presenza do Señor unha labarada e devorounos, e morreron alí na presenza do Señor. 3Díxolle Moisés a Aharón: —"Isto tíñavolo ben advertido o Señor con estas verbas: Mostrarei a miña santidade nos que me están máis próximos, manifestarei a miña gloria diante dos ollos de todo o pobo". Aharón calou.
4Moisés chamou a Mixael e a Elsafán, fillos de Uziel, tío de Aharón, e díxolles: —"Achegádevos, e sacade a vosos irmáns de diante do santuario para fóra do campamento". 5Eles achegáronse, e leváronos coas súas túnicas postas fóra do campamento, como lles ordenara Moisés. 6Díxolles Moisés a Aharón, a Elazar e a Itamar, seus fillos: —"Non despeiteedes os vosos cabelos nin rachedes os vosos vestidos, pois non morreredes nin se acenderá a ira do Señor contra a comunidade. Os vosos irmáns e toda a casa de Israel chorarán por causa do incendio que xurdiu diante do Señor. 7Non vos afastedes da entrada da Tenda do Encontro, e non morreredes, porque estades unxidos co óleo santo do Señor". E fixeron como lles mandara Moisés.
Normas de comportamento dos sacerdotes
8O Señor díxolle a Aharón: 9—"Non beberás viño nin ningunha outra cousa que poida embebedar, nin ti, nin teus fillos, cando teñades que entrar na Tenda do Encontro, e non morreredes. Estatuto perpetuo para as vosas xeracións, 10para que saibades diferenciar entre o sagrado e o profano, entre o impuro e o puro, 11e para lles ensinardes ós fillos de Israel todas as leis, que o Señor lles deu por medio de Moisés". 12Moisés díxolles a Aharón e a Elazar e Itamar, seus fillos superviventes: "Collede o que resta das oblacións do Señor, que non se queimou, e comédeo sen levedar ó pé do altar, porque é unha cousa sacrosanta. 13Tedes que a comer no lugar sagrado, pois é a porción que che toca a ti e a teus fillos, dos holocaustos do Señor, porque esa foi a miña orde. 14Tamén o peito e o pernil dianteiro ofrecidos terédelos que comer no lugar puro ti, os teus fillos e as túas fillas contigo, por ser a parte que che toca a ti e a teus fillos dos sacrificios de comuñón, que doaron os fillos de Israel. 15O pernil dianteiro e o peito ofrendados serán pasados por enriba do lume no que arden as graxas, abalándoos ritualmente na presenza de Iavé, e pertencerán a ti e ós teus fillos. Lei perpetua, como mandou o Señor". 16Moisés preguntou a fondo acerca do chibo expiatorio, e informouse de que fora queimado. Alporizouse moitísimo Moisés contra Elazar e Itamar, fillos superviventes de Aharón, e dixo: 17"Por que non comestes a oblación expiatoria no lugar sagrado, pois é cousa sacrosanta, que vos dei eu para que arrincásedes a culpa da comunidade, expiando por ela diante do Señor? 18Xa que o sangue non foi levado dentro do santuario, era a vosa obriga comela no lugar sagrado, como volo tiña mandado". 19Aharón explicoulle a Moisés: "Hoxe ofreceron a súa oblación expiatoria e o seu holocausto diante do Señor, e aconteceume todo isto. Se eu comese neste día a oblación expiatoria, sería isto agradable ós ollos do Señor?" 20Escoitou Moisés a explicación e pareceulle ben.
Currently Selected:
Levítico 10: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT