YouVersion Logo
Search Icon

Levítico 9

9
Primeira actuación dos sacerdotes
1No día oitavo Moisés chamou a Aharón e a seus fillos e a todos os patrucios de Israel. 2Díxolle a Aharón: —"Colle un xato para o sacrificio de expiación e un carneiro para o holocausto, ambos sen chata, e ofréceos diante do Señor. 3Fálalles ós fillos de Israel e dilles: Escollede un chibo para o sacrificio de expiación e un xovenco e un año dun ano, ambos sen chata para o holocausto. 4Un boi e un carneiro para o sacrificio de comuñón, que sacrificaredes diante do Señor, a máis dunha oblación adobada con aceite. Hoxe de seguro hásevos aparecer o Señor". 5Levaron todo o que lles dixera Moisés diante da Tenda do Encontro, e toda a comunidade, aproximándose, mantívose alí de pé diante do Señor. 6Entón Moisés dixo: —"Velaquí o que o Señor vos mandou facer para que se vos apareza a súa gloria". 7Despois díxolle Moisés a Aharón: —"Achégate ó altar e ofrece o teu sacrificio de expiación e o teu holocausto, e fai a expiación por ti e pola túa familia; presenta tamén a ofrenda do pobo, para expiar por el, como o mandou o Señor". 8Achegouse ó altar Aharón, e sacrificou o xovenco, como expiación polo seu propio pecado. 9Os fillos de Aharón presentáronlle o sangue, e el, mollando os dedos nel, asperxeu os lados do altar e verteu o resto do sangue ó pé do altar. 10Queimou no altar a graxa, os riles, o unto que envurulla o fígado, sacados da vítima, como o Señor lle tiña mandado a Moisés. 11A carne e o coiro queimounos no lume fóra do campamento. 12Sacrificou tamén a vítima para o holocausto e os fillos de Aharón presentáronlle o sangue, e el verteuno arredor por riba do altar. 13Trouxéronlle despois a vítima do holocausto, cortada en anacos xunto coa cabeza, e queimouna no altar. 14Lavou as entrañas e as patas, e queimounas por riba do holocausto no altar. 15Ofreceu tamén o sacrificio do pobo, collendo un cabrito para expiar polo pobo, e sacrificouno facendo o rito da expiación, coma o primeiro. 16Logo ofreceu o holocausto, facendo todo conforme o rito. 17Presentou a oblación, colleu dela unha presa e queimouna no altar, amais do holocausto da mañá. 18Sacrificou tamén o boi e mais o carneiro para o sacrificio de comuñón do pobo, e os fillos de Aharón presentáronlle o sangue, que el verteu arredor encima do altar. 19A graxa do boi e do carneiro, o rabo, o unto que envurulla as entrañas, os riles e a graxa do fígado 20puxéronos xunto coa graxa dos peitos e Aharón fixo queimar todo no altar. 21Aharón, facendo o xesto de ofrecemento, abalou os peitos e o pernil dereito de diante, como lle mandara facer Moisés. 22Ergueu Aharón a súa man de cara ó pobo e bendiciuno, e despois de ofrecer o sacrificio de expiación e o sacrificio de comuñón, baixou. 23De seguida entraron Moisés e Aharón na Tenda do Encontro. O saíren, bendiciron o pobo, e a gloria do Señor aparecéuselle a todo o pobo. 24Xurdiu lume da presenza do Señor e devorou sobre o altar as graxas e o holocausto, á vista de todo o pobo; entón reloucaron e prosternáronse rostro en terra.

Currently Selected:

Levítico 9: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in