Levítico 1
1
Ritual do holocausto
1Chamou o Señor a Moisés desde a Tenda do Encontro e díxolle: 2—"Fálalles ós fillos de Israel e dilles: Cando un de vós queira ofrecer ó Señor unha oblación de animais, poderá ser de gando maior ou menor.
3Se a súa oblación fose holocausto de boi, deberá ser macho sen chata. Presentarao á porta da Tenda do Encontro e ofrecerao para que sexa aceptable na presenza do Señor, 4impondo a súa man sobre a cabeza da vítima, para que sexa do agrado do Señor e lle sirva de expiación. 5Sacrificará o xato diante do Señor e os sacerdotes, fillos de Aharón, ofrecerán o sangue, verténdoo arredor enriba do altar, que está á porta da Tenda do Encontro. 6Despelexarán a vítima e, despois de a cortaren en anacos, 7os sacerdotes, fillos de Aharón, acenderán o lume sobre o altar e axeitarán a leña enriba do lume. 8Os mesmos sacerdotes, fillos de Aharón, disporán os anacos, a cabeza e a graxa enriba da leña, que axeitarán no lume do altar; 9despois de lavar as entrañas e as patas con auga, o sacerdote fará queimar todo xunto sobre o altar, como holocausto de recendo para o Señor.
10Se a súa oblación fose de gando miúdo, isto é, de ovella ou de cabra, para holocausto, só poderá presentar un macho sen chata. 11Sacrificarao no lado norte do altar diante do Señor, e os sacerdotes, fillos de Aharón, verterán o sangue arredor enriba do altar. 12Cortarase logo nos anacos de costume, e xunto coa cabeza e a graxa da vítima o sacerdote disporá todo enriba da leña colocada sobre o lume. 13Lavaranse con auga os intestinos e as patas e o sacerdote presentará e queimará todo xunto sobre o altar, como holocausto de recendo para o Señor.
14Se a súa oblación fose de ave, para ofrecer en holocausto ó Señor, terán que ser rulas ou pombiños de pomba, como ofrenda súa. 15O sacerdote presentará sobre o altar a vítima, arrincaralle a cabeza e queimaraa enriba do altar; despois espremeralle o sangue contra a parede do altar, 16Arrincaralle o papo e as plumas e tirará con elas no lado leste do altar para o sitio da cinsa; 17quebraralle logo as ás, pero sen llas arrincar, e o sacerdote queimará a vítima no altar en riba da leña colocada sobre o lume. Será un holocausto de recendo para o Señor.
Currently Selected:
Levítico 1: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT