Éxodo 40
40
Orde de instalar e de consagrar o santuario
1O Señor díxolle a Moisés: 2—"O día un do mes primeiro montarás o tabernáculo da Tenda do Encontro. 3Dentro del porás a arca da alianza, que taparás co veo. 4Meterás tamén a mesa e disporás o que hai que pór enriba dela. Colocarás o candelabro e acenderás as súas lámpadas. 5Porás o altar de ouro do incenso diante da arca da alianza e colgarás a cortina da entrada do tabernáculo. 6Na entrada do tabernáculo da Tenda do Encontro porás o altar dos holocaustos. 7Entre a Tenda do Encontro e o altar colocarás a pía e botarás a auga nela. 8Porás ó redor do adro as cortinas e a cortina da entrada do adro.
9Collerás logo o óleo da unción e unxirás o tabernáculo con todo o que hai nel; consagraralo cos seus accesorios, e quedará consagrado. 10Unxirás tamén o altar dos holocaustos con todos os seus utensilios; consagraralo e será sacrosanto. 11Unxirás e consagrarás tamén a pía coa súa base.
12Despois farás que se aproximen Aharón e seus fillos á entrada da Tenda do Encontro e que alí se laven. 13Vestiraslle as vestiduras sacras a Aharón, unxiralo e consagraralo para o meu servizo. 14Logo mandarás que veñan seus fillos e vestiraslles as súas túnicas. 15Unxiralos, como fixeras con seu pai, para o meu sacerdocio, e a unción conferiralles un sacerdocio perpetuo polas xeracións".
Cumprimento da orde
16Moisés fixo todo como lle mandara o Señor. 17O día un do mes primeiro do ano segundo levantouse o santuario.
18Moisés fíxoo montar desta maneira: puxo as bases, colocou as táboas, meteu os traveseiros, levantou as columnas, 19despregou a Tenda encol do tabernáculo, púxolle por riba a cuberta, como o Señor mandara a Moisés.
20Despois colleu Moisés as táboas da alianza e meteunas na arca. Púxolle á arca os varais e colocou o propiciatorio encol dela. 21Meteu a arca no tabernáculo e puxo o veo que tapaba a arca da alianza, conforme o Señor ordenara a Moisés.
22Logo meteu a mesa na Tenda do Encontro, ó norte do tabernáculo e por fóra do veo. 23Dispuxo enriba dela os pans presentados ó Señor, como o Señor lle mandara a Moisés. 24Colocou o candelabro na Tenda do Encontro, polo lado sur, enfronte da mesa. 25Acendeu as lámpadas diante do Señor, como o Señor lle mandara a Moisés.
26Puxo tamén na Tenda do Encontro, por diante do veo, o altar de ouro 27e queimou nel incenso recendente, como o Señor mandara a Moisés. 28A entrada do tabernáculo colocou a cortina. 29A entrada da Tenda do Encontro puxo o altar dos holocaustos e enriba del ofreceu holocaustos e ofrendas, como o Señor lle mandara a Moisés.
30Entre a Tenda do Encontro e o altar puxo a pía e botou nela auga para as ablucións. 31Alí lavaban as mans e os pés Moisés, Aharón e seus fillos, 32cando entraban na Tenda do Encontro e cando se aproximaban ó altar, como o Señor mandara a Moisés. 33Montou tamén o adro ó redor do tabernáculo e do altar e pendurou a cortina da entrada do adro. E así rematou Moisés a obra toda.
A gloria do Señor no tabernáculo
34Entón a nube cubriu a Tenda do Encontro e a gloria do Señor encheu o tabernáculo. 35Moisés non podía entrar na Tenda, por pousarse a nube enriba dela e porque a gloria do Señor enchía o tabernáculo.
36Nas xeiras do camiño que deberon facer os israelitas, cando a nube se erguía de enriba do tabernáculo, eles púñanse en marcha. 37Pero se a nube non se erguía, eles non se movían ata vela moverse. 38En todas as súas xeiras os israelitas puideron observar como a nube do Señor pousaba polo día encol do tabernáculo e como pola noite se convertía en lume.
Currently Selected:
Éxodo 40: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT