Levítico 2
2
Ofrendas
1Se alguén quere facer unha oblación á honra do Señor, terá que ser de flor de fariña, engadíndolle aceite e botándolle incenso enriba. 2Deberállela presentar ós sacerdotes, fillos de Aharón. O sacerdote collerá dela unha presa da súa flor de fariña, parte do seu aceite e todo o incenso, e queimarao sobre o altar aceso, como lembranza de recendo para Iavé. 3O resto da oblación será para Aharón e para seus fillos, como porción máis santa do holocausto á honra do Señor.
4Cando ofrezas unha oblación cocida no forno, ha de ser un molete de flor de fariña sen fermento adobada con aceite, e boliños sen fermento amasados con aceite. 5Se a oblación fose fritida na tixola, ha de ser de flor de fariña sen fermento mesturada con aceite; 6cortarala en rebandas e botaraslle enriba aceite: é unha oblación. 7Se a túa oblación fose cocida, terá que ser de flor de fariña con aceite. 8Levarás, pois, ó Señor a ofrenda preparada destas diferentes maneiras e presentaraslla ó sacerdote, que a porá sobre o altar. 9O sacerdote quitará da oblación a lembranza e queimaraa no altar como holocausto de recendo para o Señor. 10O resto da oblación será para Aharón e para seus fillos, como porción máis santa do holocausto para o Señor.
11Toda oblación que lle fagades ó Señor ha de ser preparada sen fermento, porque non se debe queimar en holocausto ó Señor ningunha ofrenda con fermento ou mel. 12Poderédelas ofrecer como oblación de primicias ó Señor, pero non as queimaredes no altar como recendo para o Señor. 13Ademais disto, sazonarás con sal toda oblación, endexamais faltará o sal da alianza do teu Deus en ningunha das túas ofrendas. Porás sal por riba de toda oblación túa. 14Se ofreces oblación de primicias ó Señor, presentarás espigas sen madurar, torradas no lume, debullando os seus grans tenros, como oblación das túas primicias; 15botaraslles aceite enriba e poraslles incenso, pois é unha oblación. 16O sacerdote queimará a lembranza, parte dos grans debullados e parte do aceite e todo o incenso, como holocausto para o Señor.
Currently Selected:
Levítico 2: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT