Xosué 4
4
As pedras conmemorativas do paso
1Despois de que toda a xente pasara o Xordán, díxolle o Señor a Xosué: 2—"Escollede doce homes de entre o pobo, un por cada tribo, 3e mandádelles isto: Erguede de aí, do medio do Xordán, do sitio onde estiveron firmes os pés dos sacerdotes, doce pedras; carrexádeas e fixádeas no lugar onde ides pasar a noite hoxe". 4E chamou Xosué os doce homes que escollera de entre os fillos de Israel —un por cada tribo—, 5e díxolles: —"Pasade diante da Arca do Señor, o voso Deus, ó medio do Xordán, e erguede nos ombros cada un de vós unha pedra, de acordo co número de tribos dos fillos de Israel, 6para que isto sexa un sinal no medio de vós. E, cando o día de mañá vos pregunten vosos fillos que senso teñen para vós esas pedras?, 7responderédeslles que as augas do Xordán estiveron cortadas diante da Arca da Alianza do Señor ó pasar o Xordán: cortáronse as augas do Xordán, e velaquí estas pedras como lembranza para os fillos de Israel decote". 8E os fillos de Israel fixeron tal como mandara Xosué: colleron doce pedras do medio do Xordán, como indicara o Señor a Xosué, segundo o número de tribos dos fillos de Israel, e leváronas con eles, e fixáronas no lugar onde pasar a noite.
9E Xosué fixo colocar doce pedras no medio do Xordán, no lugar onde se pousaran os pés dos sacerdotes que levaban a Arca da Alianza, e permaneceron alí ata o día de hoxe.
10E os sacerdotes que levaban a Arca estiveron ergueitos no medio do Xordán, ata o remate de todo o discurso que o Señor mandou a Xosué proclamar ó pobo (segundo todo o que mandara Moisés a Xosué). Daquela, o pobo deuse présa e atravesou. 11En pasando a totalidade do pobo, pasaron tamén a Arca do Señor e mais os sacerdotes e fóronse colocar diante do pobo. 12E pasaron os fillos de Rubén e os fillos de Gad e mais a media tribo de Menaxés, armados, diante dos fillos de Israel, segundo lles tiña dito Moisés: 13uns corenta mil soldados listos para a loita pasaron diante do Señor cara ás chairas de Xericó. 14No día aquel engrandeceu o Señor a Xosué diante de todo Israel e respectárono como respectaron a Moisés todos os días da súa vida.
15E dixo o Señor a Xosué: 16—"Mandade que suban do Xordán os sacerdotes que levan a Arca do Testemuño". 17E ordenoulles Xosué: —"Subide do Xordán". 18E aconteceu que, en subindo do medio do Xordán os sacerdotes que levaban a Arca da Alianza do Señor, cando puxeron os pés en terra firme, tornaron as augas do Xordán ó seu sitio, e correron como antes por todas as súas ribeiras. 19O pobo subiu do Xordán o décimo día do primeiro mes, e acampou en Guilgal, ó oriente de Xericó.
20E Xosué mandou erixir en Guilgal as doce pedras aquelas que colleran do Xordán. 21E díxolles ós fillos de Israel: "O día de mañá, cando vosos fillos pregunten a seus pais que senso teñen as pedras estas?, 22instruiredes a vosos fillos, dicindo: por terra seca pasou Israel este Xordán, 23pois o Señor, o voso Deus, fixo secar as augas do Xordán diante de vós ata que pasastes, como xa fixera co Mar Rubio, que o secou diante de nós ata que o atravesamos, 24para que coñezan todos os pobos da terra que a man de Deus é poderosa, e para que temades decote ó Señor, o voso Deus".
Currently Selected:
Xosué 4: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT