Xosué 3
3
O paso do Xordán
1E Xosué ergueuse de mañanciña, saíu de Xitim, e chegou ata o Xordán, con todos os fillos de Israel; e pasaron a noite alí, antes de atravesaren. 2O cabo de tres días, pasaron os oficiais polo medio do campamento, 3e falaron ó pobo deste xeito: —"Cando vexades a Arca da Alianza do Señor, o voso Deus, e os clérigos levitas que a levan, deixade os vosos postos e ide tras dela 4para coñecer o camiño que seguiredes, pois non o pasastes nunca antes; mais habédesvos de afastar do Señor arredor de mil metros: non vos acheguedes máis". 5E dixo Xosué ó pobo: —"Purificádevos, pois mañá fará o Señor marabillas no medio de vós". 6E díxolles ós sacerdotes: —"Collede a Arca da Alianza, e pasade diante do pobo". Eles collérona e foron diante.
7Dixo o Señor a Xosué: —"Hoxe comezarei a engrandecerte diante de todo Israel, para que se decaten de que estou contigo, como estiven con Moisés. 8Ti mándalles isto ós sacerdotes que levan a Arca da Alianza: en canto cheguedes a carón das augas do Xordán, detédevos no Xordán". 9E dixo Xosué ós fillos de Israel: —"Achegádevos aquí e escoitade as palabras do Señor, o voso Deus". 10E engadiu: —"Nisto coñeceredes que o Deus vivo está entre vós, e que ha de botar de diante de vós ós cananeos, ós hititas, ós hivitas, ós perizitas, ós guirgaxitas, ós amorreos e ós iebuseos. 11Velaquí que a Arca da Alianza do dono de toda a terra vai pasar o Xordán diante de vós; 12(e agora, escollede doce homes de entre as tribos de Israel, un por tribo), 13e, cando as plantas dos pés dos sacerdotes que levan a Arca do Señor —do dono de toda a terra— se pousen nas augas do Xordán, acontecerá que as augas do Xordán quedarán cortadas (as augas que veñen de arriba), e formarán un bloque á parte".
14E o pobo botou a andar, desde onde tiña as tendas, para pasar o Xordán; e os sacerdotes levaban a Arca da Alianza diante do pobo. 15E, en chegando ó Xordán os que levaban a Arca e mollárense na ribeira os pés dos sacerdotes que levaban a Arca pois o Xordán enche as súas ribeiras todo o tempo da recolleita, 16detivéronse as augas do Xordán que viñan de arriba, e erguéronse en bloque á parte moi lonxe, en Adam (a vila que está a carón de Saretán); e as que baixaban cara ó mar da Arabah o Mar do Sal, remataron tamén totalmente cortadas: e o pobo atravesou por fronte de Xericó. 17E os sacerdotes que levaban a Arca da Alianza do Señor, mantivéronse ergueitos en seco, no medio do Xordán, namentres todo Israel atravesaba polo seco, ata que toda a xente deu pasado o Xordán.
Currently Selected:
Xosué 3: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT