YouVersion Logo
Search Icon

Xosué 2

2
Rahab e os espías de Xericó
1Xosué, fillo de Nun, enviou ás caladas desde Xitim a dous militares de a pé, dicíndolles: —"Ide ver o país, a Xericó". Eles foron e chegaron a casa dunha rameira chamada Rahab, e pararon alí. 2Mais foille anunciado ó rei de Xericó: —"Velaquí que chegaron de noite algúns dos fillos de Israel, para pescudar o país". 3O rei de Xericó mandou dicir a Rahab: —"Bota para fóra os homes que chegaron onda ti —que entraron na túa casa—, pois viñeron pescudar todo o país". 4A muller collera os dous homes e acocháraos; e dixo: —"Certo, viñeron onda min eses homes, pero eu non adiviñei de onde eran, 5e aconteceu que, estando para pechar as portas, á caída da tarde, saíron e non sei para onde foron. Correde axiña detrás deles, pois habédelos de atrapar". 6(Pero ela fixéraos subir á azotea e acocháraos entre os feixes de liño que tiña amoreados na azotea). 7Os perseguidores botaron a correr detrás deles polo camiño do Xordán, cara ós baixíos, e, en saíndo eles, de contado atrancaron as portas.
8Aínda os espías non se deitaran, cando subiu Rahab onda eles, á azotea, 9e díxolles: —"Ben sei que o Señor vos deu o país, e o temor a vós estarrece, de xeito que todos os veciños do país están amedrentados por causa vosa, 10pois temos oído que o Señor secou o Mar Rubio diante de vós, cando saístes de Exipto; e tamén o que fixestes cos dous reis amorreos da outra banda do Xordán —con Sihón e con Og—, que os esnaquizastes. 11Nada máis oílo, desfaleceron os nosos corazóns, e xa non quedou alento en ningún de nós, por causa vosa, pois o Señor, o voso Deus, é Deus enriba —nos ceos—, e abaixo, na terra. 12E agora, volo suplico, xurádeme polo Señor que, xa que tiven misericordia convosco, habédela ter tamén vós coa casa de meu pai, e que me daredes un sinal seguro 13de que deixaredes con vida a meu pai e a miña nai, a meus irmáns e irmás, e todo o que lles pertence, arredando as nosas vidas da morte". 14Respondéronlle os homes: —"Vaia a nosa vida pola vosa!, sempre que non denunciedes o noso argallo, se, cando o Señor nos entregue o país, non temos contigo misericordia e lealdade". 15Entón ela púxose a descolgalos cunha corda pola fiestra, pois a casa daba ó muro da vila (onda o muro vivía ela), 16e díxolles: —"Ide para o monte —non sexa que dean convosco os perseguidores—, e acochádevos aló durante tres días, ata que volvan eles; e despois, continuaredes o voso camiño". 17Dixéronlle entón os homes: —"Nós queremos cumprir este xuramento que nos fixeches facer. 18Velaquí que, cando entremos no país, haberás de ter esta cinta de fío escarlata atada na fiestra pola que nos baixaches; e a teu pai, a túa nai, a teus irmáns e a toda a casa de teu pai, axuntaralos contigo na túa casa. 19Mais se alguén chega a saír das portas da túa casa, apandará el co seu sangue, sendo nós inocentes; en troques, seremos nós os responsables de quen estea contigo na casa: se alguén lle pon a man enriba, o seu sangue caerá sobre nós. 20Pero se denuncias o noso argallo, quedaremos libres do xuramento que nos fixeches facer". 21Respondeu ela: —"Que aconteza como dicides!" E despediunos, e fóronse; e ela atou a cinta escarlata á fiestra. 22Eles camiñaron e chegaron ó monte, e deixáronse estar alí tres días, ata que volveron os perseguidores. Estes rebuscaran por todo o camiño, pero non deran con eles. 23E emprenderon retorno os dous homes. Baixaron do monte, pasaron o río, chegaron onda Xosué —o fillo de Nun—, e contáronlle todo o que lles acontecera. 24E dixéronlle a Xosué: —"De seguro que o Señor puxo todo o país nas nosas mans, pois todos os veciños do país están amedrentados por causa nosa".

Currently Selected:

Xosué 2: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in