YouVersion Logo
Search Icon

Xosué 22

22
Discurso de Xosué ás tribos de Galaad
1Por aquel entón chamou Xosué ós rubenitas, ós gaditas e á media tribo de Menaxés, 2e díxolles:
—"Vós gardastes todo canto vos mandara Moisés, servo do Señor, e escoitastes a miña voz, todo canto eu vos mandei; 3non abandonastes a vosos irmáns durante todo este tempo, ata o día de hoxe, senón que observastes con fidelidade o mandamento do Señor, o voso Deus. 4E agora o Señor, o voso Deus, deulles acougo a vosos irmáns, como lles tiña prometido. Así que volvede e ídevos ás vosas tendas, á terra da vosa herdanza, que vos deu Moisés, servo do Señor, na outra banda do Xordán. 5O que si habedes de coidar é cumprir o mandamento e a Lei que vos impuxo Moisés, servo do Señor, de xeito que amedes o Señor, o voso Deus, e vaiades polos seus camiños, e custodiedes os seus mandatos, para que vos afeccionedes a El e o sirvades de todo corazón e con toda a vosa alma".
6E bendiciunos Xosué e despediunos e foron para as súas tendas.
7E á media tribo de Menaxés déralle posesión Moisés no Baxán, namentres que á outra media lla deu Xosué entre os seus irmáns, nesta banda do Xordán, na do occidente. E, ó mandalos Xosué para as súas tendas, bendiciunos, 8e díxolles:
—"Tornades ás vosas tendas con moitos bens, con abonda facenda, con prata, ouro, cobre, ferro e vestidos en gran cantidade: repartide con vosos irmáns os despoxos dos vosos inimigos".
9Daquela volveron os fillos de Rubén, os fillos de Gad e a media tribo de Menaxés, e deixaron Xiloh, onde estaban os fillos de Israel, na terra de Canaán, para se dirixiren á terra de Galaad, á terra da súa herdanza, que tiñan asignada pola palabra que dera o Señor por medio de Moisés.
O altar das tribos de Galaad
10En chegando á beira do Xordán na terra de Canaán os fillos de Rubén, os fillos de Gad e a media tribo de Menaxés construíron alí un altar grande, para poderen contemplalo. 11E chegou isto ós ouvidos dos fillos de Israel:
—"Velaquí que os fillos de Rubén, os fillos de Gad e mais a media tribo de Menaxés edificaron un altar no extremo da terra de Canaán, á beira do Xordán, na banda dos fillos de Israel".
12Entón xuntouse toda a asemblea dos fillos de Israel en Xiloh, para declararlles a guerra. 13E enviaron os fillos de Israel onda os fillos de Rubén e os fillos de Gad e a media tribo de Menaxés, na terra de Galaad, a Pinhás, fillo do sacerdote Elazar, 14xunto con dez príncipes, un por cada tribo de Israel, sendo cada un deles xefe da súa familia patriarcal, entre os milleiros de Israel. 15E chegaron onda os fillos de Rubén, onda os fillos de Gad e onda a media tribo de Menaxés, na terra de Galaad, e faláronlles deste xeito:
16—"Así se pronunciou toda a asemblea do Señor: Que deslealdade é esa que cometestes contra o Deus de Israel, arredándovos hoxe do seguimento do Señor, edificando un altar, e poñéndovos así hoxe contra Iavé? 17Logo non nos era de abondo o pecado de Peor, do que non nos demos purificado ata o día de hoxe, e que trouxo a praga á congregación do Señor? 18E vós arredádesvos hoxe do seguimento de Iavé, e, obrando así, —poñéndovos hoxe contra o Señor—, o día de mañá vaise alporizar contra toda a asemblea de Israel. 19No caso de que consideredes impura a terra da vosa herdanza, pasádevos á terra da herdanza do Señor, onde mora o seu tabernáculo, e tomade posesión no medio de nós; pero non vos arrepoñades contra o Señor e contra nós: non vos rebeledes facéndovos un altar a maiores do altar do Señor, o noso Deus. 20E logo non cometeu unha deslealdade co sagrado Acán, o fillo de Zérah, e ceibouse a cólera sobre toda a asemblea de Israel?; E non veu el morrer co seu pecado?"
21Os fillos de Rubén, os fillos de Gad e a media tribo de Menaxés, responderon ós xefes dos milleiros de Israel:
22—"El, Elohim, Iavé; El, Elohim, Iavé: El ben o sabe, e Israel hao saber. Se foi por rebelión ou por deslealdade ó Señor, que non pasemos de hoxe, 23por construírmos un altar para arredarnos do seguimento do Señor: se foi para ofrecerlle holocaustos, presentar ofrendas ou ofrecerlle sacrificios pacíficos, que o mesmo Señor o inquira. 24Ou se máis ben foi por inquedanza nosa, pensando: O día de mañá dirán vosos fillos ós nosos: que tedes que ver vós co Señor, Deus de Israel? 25Pois o Señor puxo de lindeiro entre nós e vós —fillos de Rubén e fillos de Gad— o Xordán, non tedes parte co Señor; e así, vosos fillos farán afogar nos nosos o temor do Señor. 26Foi por iso que dixemos: temos que construír un altar, non para holocaustos nin sacrificios, 27senón para que sexa testemuña entre nós e vós, e entre as xeracións que nos seguirán, de que queremos ofrecer o culto ó Señor diante del, cos nosos holocaustos, e cos nosos sacrificios e coas nosas ofrendas pacíficas: e así non dirán vosos fillos o día de mañá ós nosos: non tedes parte co Señor. 28E dixemos: acontecerá que, se o día de mañá nolo din a nós e ás nosas xeracións, responderemos: ollade o exemplar de altar do Señor que fixeron os nosos devanceiros non para holocaustos nin para sacrificios, pois testemuña é el entre nós e vós. 29Líbrenos Deus de repoñernos contra El e de arredarnos hoxe do seguimento do Señor por construírmos un altar para os holocaustos, para as ofrendas e sacrificios, a maiores do altar do Señor, o noso Deus, que está diante da súa morada".
30Cando o sacerdote Pinhás, os príncipes da asemblea e os xefes dos milleiros de Israel, oíron as palabras que dixeron os fillos de Rubén, os fillos de Gad e mais os fillos de Menaxés, quedaron conformes.
31E dixo Pinhás —o fillo de Elazar o sacerdote— ós fillos de Rubén, ós fillos de Gad e ós fillos de Menaxés:
—"Agora sabemos que o Señor está no medio noso, pois non cometestes tal deslealdade contra El, librando así ós fillos de Israel da man do Señor".
32Cando Pinhás, fillo de Elazar o sacerdote, e mais os príncipes volveron de onda os fillos de Rubén e os fillos de Gad, da terra de Galaad, á terra de Canaán, onda os fillos de Israel, fixéronos sabedores do que lles acontecera. 33E a resposta contentou ós fillos de Israel, que louvaron a Deus, e non falaron xa de loitar contra eles e asolar así a terra onde habitaban os fillos de Rubén e os de Gad. 34E os fillos de Rubén e mais os fillos de Gad chamáronlle a aquel altar Ed, pois dixeron: é testemuña entre nós de que o Señor é Deus.

Currently Selected:

Xosué 22: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xosué 22