YouVersion Logo
Search Icon

Xosué 23

23
Discurso de Xosué ás tribos de Canaán
1Moito tempo despois de concederlle o Señor a Israel acougo entre todos os seus inimigos de arredor, resulta que Xosué estaba avellentado, entrado en anos. 2E convocou Xosué a todo Israel —ós seus anciáns, ós seus xefes, ós seus xuíces e ós seus oficiais—, e díxolles:
"Eu volvinme vello, entrado en anos. 3Vós ben vistes todo o que fixo o Señor, o voso Deus, a todos aqueles pobos xentís de diante de vós, porque o Señor, o voso Deus, loitaba da vosa parte. 4Ollade ben, eu fixen repartir en herdanza para as vosas tribos aqueles pobos xentís que quedaban xunto con todos os que exterminei, desde o Xordán ata o Mar Grande, no occidente. 5E o Señor, o voso Deus, rexeitaraos de diante de vós e chimparaos fóra, de xeito que herdedes a súa terra, tal como vos prometera o Señor, o voso Deus. 6Esforzádevos moito por gardardes e facerdes todo o que está escrito no libro da Lei de Moisés, de xeito que non vos desviedes del á dereita nin á esquerda, 7nin vos xuntedes cos pobos xentís que quedaron entre vós, nin pronunciedes sequera o nome dos seus deuses, nin xuredes por eles, nin os sirvades, nin vos abatades diante deles; 8senón máis ben, apegádevos ó Señor, o voso Deus, como fixestes ata o día de hoxe, 9pois o Señor botou de diante de vós a pobos xentís grandes e poderosos, namentres que ninguén puido resistir diante de vós, ata o día de hoxe. 10Cada un de vós pode escorrentar a un milleiro, pois o Señor, o voso Deus, loita da vosa parte a carón de vós, tal como vos prometeu. 11Así que coidade ben de vós mesmos, de xeito que amedes o Señor, o voso Deus, 12pois se arredar vos arredades del e vos achegades ó resto daqueles pobos xentís que quedaron entre vós, e casades con xente deles e andades con eles e eles convosco, 13estade seguros de que o Señor, o voso Deus, non volverá botar de diante de vós a aqueles pobos: e eles serán para vós rede e lazo, tralla no voso lombo e espiñas nos vosos ollos, ata que desaparezades desta boa terra que o Señor, o voso Deus, vos entregou. 14Velaquí que eu estou hoxe para percorrer o camiño de todos. Recoñece con todo o corazón e con toda a alma que non fallou unha soa das promesas que vos fixo o Señor, o voso Deus: todiñas se cumpriron, sen faltar unha. 15E así como chegaron a cumprirse todas as boas promesas que vos fixera o Señor, o voso Deus, do mesmo xeito fará chegar o Señor sobre vós todas as ameazas, ata chimparvos desta boa terra que vos deu o Señor, o voso Deus. 16Cando fendades a Alianza que o Señor, o voso Deus, vos estableceu, e vaiades e sirvades a deuses alleos, e vos prostredes diante deles, prenderase a ira do Señor contra vós e desapareceredes axiña desta boa terra que El vos deu".

Currently Selected:

Xosué 23: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xosué 23