YouVersion Logo
Search Icon

Xosué 21

21
As vilas dos levitas
1E achegáronse os cabezas de familia dos levitas ó sacerdote Elazar e a Xosué, fillo de Nun, e ós cabezas de familia das tribos de Israel, 2e faláronlles en Xiloh, na terra de Canaán, deste xeito:
—"O Señor, por medio de Moisés, mandou que se nos desen pobos para residirmos, con pradairos para o noso gando".
3E déronlles os fillos de Israel ós levitas da súa herdanza, pola palabra do Señor, estas vilas e as súas praderías:
4Saíu a sorte para as familias dos quehatitas e sacaron para os fillos levitas do sacerdote Aharón trece vilas, do lote da tribo de Xudá, da tribo de Simeón, e da tribo de Benxamín. 5E para os restantes fillos de Quehat, das familias da tribo de Efraím, da tribo de Dan e da media tribo de Menaxés correspondéronlles na sorte dez vilas. 6E para os fillos de Guerxón, das familias da tribo de Isacar, da tribo de Axer, da tribo de Naftalí e da media tribo de Menaxés no Baxán tocáronlles en sorte trece vilas. 7Para os fillos de Merarí, segundo as súas familias, da tribo de Rubén, da tribo de Gad, e da tribo de Zebulón, doce vilas.
8E deron os fillos de Israel ós levitas estas vilas cos seus pastos en sorte, segundo mandara o Señor por medio de Moisés. 9E déronlles, da tribo dos fillos de Xudá e da tribo dos fillos de Simeón, esas vilas que van chamadas polo nome: 10Para os fillos levitas de Aharón, das familias dos quehatitas —pois a eles correspondera o primeiro lote—, 11déronlles Quiriat—Arbá (a vila do pai de Anoc —que é a cidade de Hebrón—, na serra de Xudá), coas praderías dos seus arredores. 12Pero a zona verde da cidade e das súas aldeas déronllas a Caleb, fillo de Iefuneh, en propiedade.
13E ós fillos sacerdotes de Aharón déronlles Hebrón (para cidade de refuxio do homicida) e os seus pastos, e Libnah e os seus pastos.
14Iatir cos seus pastos, Extemoa cos seus pastos, 15Holón cos seus pastos, Debir cos seus pastos, 16In cos seus pastos, Iutah cos seus pastos, e Bet—Xémex cos seus pastos: nove vilas, escolmadas daquelas dúas tribos.
17E da tribo de Benxamín, Gabaón cos seus pastos, Gueba cos seus pastos, 18Anatot cos seus pastos e Almón cos seus pastos: catro cidades. 19Todas as cidades dos sacerdotes fillos de Aharón, eran trece, cos seus pastos.
20E ás familias dos levitas fillos de Quehat —os outros fillos de Quehat—, déronlles un lote de cidades escolmadas da tribo de Efraím: 21Xequem (para cidade de refuxio do homicida, na serra de Efraím) cos seus pastos, Guézer cos seus pastos, 22Quibsaim e os seus pastos, e Bet—Horón e os seus pastos: catro cidades.
23E da tribo de Dan, Eltequé e os seus pastos, Guibetón e os seus pastos, 24Aialón e os seus pastos, e Gat—Rimón e os seus pastos: catro cidades.
25E da media tribo de Menaxés, Taanac e os seus pastos, e Ibleam e os seus pastos: dúas cidades. 26No total, dez, cos seus pastos, para as restantes familias dos fillos de Quehat.
27E para as familias dos levitas fillos de Guerxón partillaron da media tribo de Menaxés Golán (no Baxán, como cidade de refuxio do homicida) cos seus pastos, e Bet—Axtarah cos seus pastos: dúas cidades.
28E da tribo de Isacar, Quixón, cos seus pastos, Daberat cos seus pastos, 29Iarmut cos seus pastos e mais En—Ganim cos seus pastos: catro cidades.
30E da tribo de Axer, Mixal cos seus pastos, Abdón cos seus pastos, 31Helccat cos seus pastos, e Rehob cos seus pastos: catro cidades.
32E da tribo de Naftalí, Quédex (en Galilea, para cidade de refuxio do homicida) cos seus pastos, Hamot—Dor cos seus pastos e Cartán cos seus pastos: tres cidades. 33Todas as cidades dos guerxonitas, segundo as súas familias, eran trece, cos seus pastos.
34E para as familias do resto dos levitas fillos de Merarí, escolmaron da tribo de Zebulón Iocneam cos seus pastos, Cartah cos seus pastos, 35Dimnah cos seus pastos e Nahalal cos seus pastos: catro cidades.
36Da tribo de Rubén, Béser e os seus pastos, Iahsah e os seus pastos, 37Quedemot e os seus pastos e Mefáat e os seus pastos: catro cidades.
38E da tribo de Gad, Ramot (en Galaad, para cidade de refuxio do homicida) cos seus pastos, Mahanaim e os seus pastos.
39Hexbón cos seus pastos, Iazer cos seus pastos: no total, catro cidades. 40A suma de todas as cidades que lles tocaron ós fillos de Merarí para as súas familias —para os que quedaban das familias de levitas—, foi de doce cidades. 41E o número de cidades dos levitas na propiedade dos fillos de Israel, foi de corenta e oito cos seus pastos: 42como tiña cada unha os pastos arredor, así os tiña o resto delas.
Conclusión teolóxica
43E deu o Señor a Israel toda a terra que xurara ós seus devanceiros que había de darlles: e herdárona e viviron nela. 44E o Señor deulles acougo á redonda, como prometera ós seus devanceiros, e non houbo inimigo que resistise diante deles: o Señor púxoos a todos nas súas mans. 45Non fallou unha de todas as boas promesas que fixera o Señor á casa de Israel: todiñas se cumpriron.

Currently Selected:

Xosué 21: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in