YouVersion Logo
Search Icon

Xoel 2

2
Chamada a unha nova liturxia penitencial polo día do Señor
1Tocade o corno en Sión, dade a alarma no meu santo monte,
que estarrezan todos os habitantes do país,
pois chega o día do Señor.
Si, está preto
2o día da escuridade e dos trebóns,
o día de néboa e de escuras nubes,
coma o Luceiro da Alba estendido sobre as montañas,
forte, enorme e poderoso,
coma el non o houbo xamais, e despois del non se volverá contar
no sucederse de xeracións en xeracións.
3Diante del un lume devora, detrás del un incendio consome.
Antes del o país era coma un xardín de recreo,
despois del, un deserto desolado,
onde nin sequera haberá refugallo.
4O seu aspecto é coma o dos cabalos, que corren coma corceis.
5Coma o zunido dos carros de guerra, corren sobre os cumes dos montes,
coma o estalar do lume no incendio que consome o restrollo,
coma un pobo poderoso, preparado para a guerra.
6Ante a súa presenza tremerán os pobos,
todos os rostros se xuntarán ante esa maldición.
7Pois soldados corren, guerreiros agatuñan pola muralla,
cada un marcha polo seu camiño, non dan rodeos as súas filas.
8Ningún lle estorba ó seu compañeiro,
cada un dos soldados vai polo seu camiño.
Aínda que sexa no medio de frechas, non caerán,
nin romperán a fila.
9Asaltan a cidade, corren pola muralla,
soben ás casas, entran coma ladróns polas fiestras.
10Na súa presenza treme a terra, estremécese o ceo,
o sol e mais a lúa escurecen, as estrelas perden o seu resplandor.
11Si, o Señor levanta a súa voz, diante do seu exército.
Que enorme é o seu campamento!
Que poderoso é o exército que cumpre o seu plan!
Que grande é o día do Señor e enormemente terrible!
Quen o soportará?
Oráculo acerca das esixencias da proximidade do día do Señor
12Pero, agora —é o Señor quen fala—,
convertédevos a min de todo corazón,
con xaxún, con lágrimas e con loito.
13Esgazade o voso corazón, e non os vosos vestidos,
convertédevos ó Señor, voso Deus,
pois El é compasivo e misericordioso,
é calmoso para o enfado e abondoso en bondade,
e ten compaixón da desgraza.
14Quizais cambie e teña compaixón,
e deixe tras de si a súa bendición,
a ofrenda e mais a libación, para o Señor, o voso Deus.
Continúa a chamada á participación na liturxia penitencial
15Tocade o corno en Sión,
dedicádelle un tempo sagrado ó xaxún,
convocade a asemblea.
16Xuntade o pobo, consagrade a asemblea,
reunide os anciáns, xuntade os rapaces,
tamén os meniños de peito.
Que saia o marido do seu cuarto,
e a muller da súa alcoba.
17Que choren entre o adro e o altar os sacerdotes,
que digan os ministros do Señor: "Perdóalle, Señor, ó teu pobo,
non entregues á burla a túa herdanza,
de xeito que a dominen pobos alleos.
Por que se vai dicir entre as nacións: Onde está o seu Deus?"
Resposta oracular da acollida da liturxia penitencial
18Entón ó Señor entráronlle celos do seu país,
e perdoou ó seu pobo.
19Respondeu o Señor dicíndolle ó seu pobo:
"Velaí: vouvos mandar o trigo, o mosto e mais o aceite novo
para que vos fartedes de todo iso,
e non vos volverei entregar para servir de burla entre os pobos alleos,
20senón que porei lonxe de vós o inimigo do norte,
e botareino para un país reseco e deserto:
coa súa vangarda cara ó mar do nacente,
e coa súa retagarda cara ó mar do poñente;
subirá o seu fedor, seguirá subindo a súa pestilencia,
xa que quixo facer grandes cousas".
21Non teñas medo, terra de cultivo,
brinca de ledicia e alégrate,
pois o Señor fai grandes cousas.
22Non teñades medo, feras do campo,
que agroman os pasteiros da estepa.
Si, as árbores dan o seu froito,
e a figueira e mais a vide agroman con forza.
23Vós, fillos de Sión, brincade de alegría,
alegrádevos polo Señor, o voso Deus,
pois deuvos a chuvia conforme o seu compromiso,
mandouvos chuvia abundante;
a temperá e a serodia coma noutros tempos.
24As eiras énchense de trigo e nos lagares reborda o mosto e o aceite novo.
25Así compénsovos polos anos nos que as colleitas foron comestas
pola eiruga que roe,
a voadora, a que destrúe, e mais o saltón,
o meu grande exército, que mandei contra vós.
26Si, comeredes ata fartarvos, e loaredes o Nome do Señor, o voso Deus,
que actuou convosco facendo milagres,
deste xeito o meu pobo non se avergonzará endexamais.
27Entón recoñeceredes que eu estou no medio de Israel.
Si, eu, o Señor, o voso Deus, e ninguén máis ca min,
e o meu pobo non se avergonzará endexamais.

Currently Selected:

Xoel 2: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in