Xoel 1
1
Título
1Palabra do Señor, que lle veu a Xoel, fillo de Petuel.
I. A LITURXIA PENITENCIAL
Chamada á participación litúrxica
2Escoitade isto, vós, os anciáns,
oídeo todos os gobernantes do país.
Sucedeu algo semellante durante a vosa vida,
ou durante a vida de vosos pais?
3Contádellelo ós vosos fillos,
e vosos fillos a seus fillos,
e seus fillos á xeración seguinte.
4Aquilo que lle sobrou á larva devoradora,
comeuno a lagosta que roe;
e o que lle sobrou á eiruga que destrúe,
comeuno o saltón voador,
e o que lle sobrou ó saltón voador,
comeuno a eiruga que destrúe.
5Espertade, borrachos, e póndevos a chorar,
facede lamentacións, todos os que bebedes viño,
por mor do viño novo, pois quítasevos da boca.
6Velaí, un pobo sobe contra o meu país, poderoso e incontable,
os seus dentes son dentes de león,
e ten poutas de leoa.
7Converteu a miña viña nunha desolación,
e a miña figueira nun cango seco;
escascouna completamente e botouna ó chan,
as súas vides quedaron brancas.
8Laméntate ti, coma virxe vestida de saco
polo marido da súa mocidade!
9Suprímase do templo do Señor a ofrenda e a libación;
que fagan dó os sacerdotes, servidores do Señor.
10O campo está arrasado, a terra de cultivo está de loito.
Si, está arrasada a colleita, os acios están secos,
resecan as oliveiras.
11Volvédevos resecos de tristura, campesiños,
lamentádevos, viñateiros,
polo trigo e pola cebada
pois perdeuse a colleita do campo.
12A viña está seca e a figueira murcha,
a granada, tamén a palmeira e mais a maceira,
todas as árbores do campo están murchas.
Si, secou a ledicia dos fillos de Adam.
13Vestídevos para facer loito, sacerdotes,
facede lamentacións, servidores do altar.
Vinde pasar a noite vestidos de saco,
servidores do meu Deus,
porque a casa do Señor está privada da ofrenda e mais da libación.
14Decretade un período sacro de xaxún,
convocade a asemblea,
xuntade os anciáns, a todos os que viven no país,
no templo do Señor, o voso Deus, e pedídelle auxilios ó Señor.
Texto da participación do profeta na liturxia penitencial. Lamentación e oración
15Ai dese día!
Si, xa está preto o día do Señor,
chega coma a ruína que vén do Omnipotente.
16Acaso de diante dos nosos ollos non falta a comida
e do templo do noso Deus a ledicia e mais a festa?
17Murchou a semente debaixo dos seus sucos;
están baleiras as arcas, están no fondo as tullas do gran,
porque o trigo secou.
18Como brúa o gando! Coma andan descarreirados os fatos de vacas!
Si, non teñen quen as pastoree, si, os fatos de ovellas perecen.
19A ti, Señor, pídoche auxilio,
pois un lume consome os pasteiros do monte,
e un incendio queima as árbores do campo.
20Mesmo as feras do campo suspiran por ti,
pois están secos os regueiros de auga,
e o lume consome os pasteiros do monte.
Currently Selected:
Xoel 1: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT