Skip to content

Xob 42

42
A derradeira resposta de Xob (40, 3-5; 42, 2-3 c.d. 5-6)
1Falou Xob respondéndolle a Iavé:
2—"Confeso que ti o podes todo
e non hai designio que che sexa imposible.
3Quen se arrisca a embazar un plan por ignorancia?
Por iso, falaba eu sen tino
de prodixios que non coñecía!
4Escoita o que che vou dicir,
preguntareiche para que ti me ensines.
5Coñecíate eu de oídas,
mais agora contémplante os meus ollos,
6por iso retiro o dito e arrepíntome
no po e na cinsa".
Epílogo
7Despois de falar Iavé estas razóns con Xob, díxolle a Elifaz o temanita: —Férveme a ira contra ti e contra os teus dous amigos porque non falastes de min o que é debido, coma o meu servo Xob. 8Collede logo sete vacas e sete carneiros e ide onda o meu servo Xob, para que os ofreza por vós en holocausto; e que o meu servo Xob pregue por vós, para que eu vos sexa propicio e non faga convosco un escarmento, porque non falastes de min o que era debido coma fixo o meu servo Xob.
9Foron entón Elifaz o temanita, Bildad o xuhíta e Sofar o namateo e fixeron o que lles mandara Iavé, e El escoitou a Xob.
10Iavé trocou a sorte de Xob cando intercedía polos seus amigos, e multiplicou polo dobre todo canto Xob puidera ter antes. 11Chegaron daquela todos os seus irmáns e as súas irmás e todos cantos o coñeceran antes, e comeron con el do pan da casa e déronlle o pésame, consolárono por todas as mágoas que Iavé lle impuxera, e déronlle cadansúa cantidade de diñeiro e aneis de ouro.
12Bendixo Iavé a fin da vida de Xob máis aínda cós comezos, e chegou a ter catorce mil ovellas, seis mil camelos, mil xugadas de bois e mil asnas.
13Tivo sete fillos e tres fillas. 14Chamoulle á primeira "Rula", a segunda "Flor de Camela" e á terceira "Pomo de aromas". 15Non houbo en toda a bisbarra mulleres tan belidas coma as fillas de Xob, e o pai deulles herdanza coma a seus irmáns.
16Aínda viviu Xob cento corenta anos despois destes sucesos, e viu os seus fillos, os seus netos e os seus bisnetos. 17E morreu Xob vello e farto de vida.