Skip to content

Xob 41

41
1O que del se fía engánase,
xa dunha ollada queda un derrubado;
2ninguén hai tan cruel cando o encirran;
quen lle fará fronte?
3Quen bateu con el, e saíu salvo?
Nin o primeiro baixo o ceo!
4Ninguén acalará o seu poder
nin a forza vital que é a súa defensa.
5Quen lle abriu o seu manto exterior
ou traspasou a súa dobre coiraza?
6Quen espalancou as portas dos seus beizos
rodeadas de dentes estarrecedores?
7O seu lombo ten ringleiras de placas
seladas con remaches de pedernal,
8unha a unha encaixadas;
nin o aire pasa por entre elas,
9Apéganse as unhas ás outras,
tan trabadas que non se poden separar.
10O seu esbirro solta faíscas de lume,
os seus ollos son coma as pálpebras do abrente.
11Do fociño sáltanlle muxicas,
xorden faíscas de lume;
12do seu nariz sae fume
coma dun crisol aceso e fervente;
13o seu bafo consome brasas,
chóutanlle labaradas do fociño.
14A forza resídelle no pescozo;
diante del baila o medo;
15ten carnes ben trabadas,
fundidas nel, e non remexen.
16O corazón é sólido coma un croio,
dunha peza, coma pedra de moer.
17Cando el se ergue, tremen os fortes,
devalan coma a marea.
18A espada do que o atope non resistirá,
nin lanza, nin dardo, nin frecha,
19pois para el o ferro é palla
e o bronce, madeira podre.
20Non o axota unha frecha,
e as pedras da fonda son para el coma lixos.
21Para el a maza é estopa,
e rise do asubío da azagaia.
22O seu ventre son tellas afiadas
que coma grade de ferro fan regueiros na lama.
23Fai ferver coma un pote os fondos,
deixa o mar coma un botafumeiro;
24tras el fai lucir un ronsel,
e imaxinas que o mar ten unha cabeleira branca.
25Non hai no mundo quen se lle semelle,
alguén coma el, creado sen medo de nada.
26Fai fronte a canto haxa de elevado;
el é o rei de todas as feras".