Skip to content

Xob 40

40
Conclusión do discurso de Deus (40, 2. 8-14)
1Engadiu Iavé falando con Xob:
2—"Quere porfiar o censor do Omnipotente?
O que corrixe a Deus, que lle responda!"
3Respondeulle Xob:
4—"Eu son un home feble, que che hei responder?
porei a miña man sobre a boca.
5Xa falei unha vez, non replicarei;
dúas veces, nada engadirei".
6Respondeu Iavé a Xob desde o trebón:
7—"Cingue os teus lombos coma un home;
vouche preguntar para que ti me ensines:
8Vas en verdade anular o meu dereito?
Declárasme culpable para saíres ti inocente?
9Tes ti un brazo coma o de Deus
ou atrona a túa voz coma a súa?
10Anda, vístete de gloria e maxestade,
envólvete nun esplendor glorioso!
11Derrama a furia da túa carraxe,
bota unha ollada ós soberbios e abáteos!
12Olla para os fachendosos e humíllaos,
esnaquiza os impíos onde estean,
13Afúndeos todos a eito no po,
encadéaos no máis oculto!
14Entón tamén eu te hei loar:
De certo que a túa dereita che deu o triunfo!
Instrución das bestas monstruosas (40, 15 - 41, 26)
15Mais olla para o hipopótamo,
a quen eu fixen igual ca ti;
pace na herba coma os bois;
16pero observa a forza dos seus lombos,
a potencia nos músculos do seu ventre.
17Ergue o rabo coma un cedro,
os tendóns das súas coxas entretécense;
18ten os ósos coma tubos de bronce,
articulacións coma varas de ferro:
19é do mellor que Deus produciu,
só o creador pode aplicarlle a espada.
20Apórtanlle o seu xantar os montes,
onde brincan as feras montesías;
21déitase entre os xuncos,
acochado nos caneiros dos pantanos;
22os lotos fanlle sombra,
rodéano os salgueiros do regato.
23Por máis que o río veña cheo, non se turba,
fica confiado aínda que o Xordán lle chegue ós fociños.
24Quen poderá amarralo de fronte
ou furarlle o nariz por máis que estea no cepo?
25Podes pescar co anzol o crocodilo
ou atalo da lingua cunha corda?
26Podes pasarlle polo nariz unha liña
ou perforarlle a queixada cun gancho?
27Virá onda ti suplicarche
ou falarche con lingua agarimosa?
28Fará trato contigo,
para que o recibas coma servo perpetuo?
29Podes xogar con el coma cun paxaro
ou deixarásllelo atado ás túas nenas?
30Fará comercio del o gremio dos pescadores,
poxarano entre os mercadores?
31Ferirías de dardos o seu coiro
ou a súa cabeza con arpóns?
32Ponlle a túa man enriba:
pensa ben na pelexa, e non o farás dúas veces!