Xob 36
36
Discurso hímnico (36, 1 - 37, 13)
1Dixo Elihú de seguido:
2—"Sopórtame un intre, voute instruír:
aínda teño palabras a prol de Deus.
3Desde lonxe aportarei o meu saber,
dareille a razón ó meu Facedor,
4pois non hai engano nas miñas verbas
e tes ante ti a un que as sabe todas.
5Certo que Deus é poderoso,
mais non rexeita ós de conduta sincera;
6non deixa con vida ós malvados
e failles xustiza ós pobres;
7non afasta os seus ollos dos xustos,
cos reis séntaos no trono,
exáltaos para sempre;
8e cando están presos con cadeas,
vinculados con cordas que os contristan,
9ponlles diante as súas obras,
os pecados con que se reviraron:
10ábrelles os oídos á corrección
e anímaos para que se arrepintan.
11Se o obedecen e serven,
rematan os seus días felizmente
e os seus anos nas delicias.
12Se non o escoitan, pasarán a Canle da morte,
expirarán sen se decataren.
13Pero os malvados anóxanse rancorosos,
non claman socorro cando os encadea.
14Morre deste xeito a súa alma aínda nova
e a súa vida cando son mozos,
15mais El ceiba ó coitado da súa coita,
ábrelle o oído co sufrimento.
16En canto a ti, ben que te librou da anguria,
púxote nun espazo sen estreituras,
a túa mesa estaba chea de manxares.
17Con todo, ti non xulgaches a causa do malvado,
negácheste a defender o dereito do orfo.
18Ten ollo non te seduza a abundancia,
non te dobregue unha dádiva copiosa!
19Nunha liorta con El, hanche valer os teus bens
ou todos os recursos da túa riqueza?
20Non suspires por aquela noite
na que pobos enteiros serán arrincados!
21Gárdate de te volver para o mal,
pois xa outrora preferiches rebeldía a sufrimento!
22Velaquí o Deus que é sublime no seu poder.
Quen é o mestre que se lle asemella?
23Quen lle corrixe a conduta
ou quen lle di: Fixeches unha boa!?
24Lémbrate de loarlle os seus feitos,
que toda a xente canta!
25Todo humano o contempla,
todo home o observa desde lonxe.
26Deus é máis grande do que coñecemos,
non hai quen leve a conta dos seus anos,
27pois El deixa caer as pingas de auga
a esvarar como chuvia desde o ceo,
28orballando desde as nubes
petando a chuvieira contra o chan.
29Quen entende o pendurar das nubes
colgantes da súa tenda?
30Por riba delas esténdese a súa luz,
nas raíces do mar pon o seu trono.
31Por medio delas alimenta á xente
dándolles xantar abondo.
32Coas dúas mans aferra o lóstrego
para guindalo dereito contra o branco.
33Anúnciao por diante o seu tronar,
ó encirrar a súa xenreira contra a maldade.
Dereitos reservados: SEPT