Xob 35
35
Discurso terceiro (33, 31-35 e 35, 2-16)
1Falou de novo Elihú:
2—"Coidas que es xusto ó dicires:
Levo eu razón e non Deus?
3E engades: Que proveito tiro eu?
En que me axuda o non ter pecado?
4Vouche responder eu coas miñas verbas,
e ós teus amigos tamén.
5Olla para o ceo e mira;
fita as nubes tan altas por riba de ti!
6Por máis que peques, que mal lle vas causar a El?
Por moito que te rebeles, que lle vas facer?
7Se es bo, que é o que lle dás
ou que vai recibir da túa man?
8Se a alguén danas, é a un home coma ti;
e se fas xustiza, é a outro ser humano.
9Hai quen se laia das moitas opresións
e clama socorro ante a forza dos potentes;
10pero ninguén di: Onde está o Deus que me creou,
o que repón as forzas pola noite,
11que nos dá leccións coas bestas da campía
e nos fai máis aleutos cós paxaros do ceo?
12Outros dan gritos, e ninguén responde
diante da soberbia dos malvados.
13Pero Deus non escoita a vaidade,
o Omnipotente non se dá por sabedor.
14Cando ti dis: Non me atende,
xa ten presente o caso: Espera nel!
15Mais agora, como a súa ira non castiga
e non está El a coidar das transgresións,
16Xob enche a boca con tolemias
e amorea as súas verbas sen siso".
Dereitos reservados: SEPT