Skip to content

Xob 37

37
1Por iso o meu corazón treme
e sáltame fóra do sitio.
2Oíde o son da súa voz tronante,
o balbordo que sae da súa boca!
3Dispara o raio por embaixo do ceo
e chega o lóstrego ata os confíns da terra;
4tras del vén o bruar do trono
retumbando coa alteza da súa voz;
non se contén o lóstrego
cando se empeza a oír a treboada.
5Amósanos Deus as súas marabillas,
fai prodixios que nós non comprendemos.
6Dille á neve: Cae no chan!
ó orballo e á chuvia: Sede fortes!
7Encerra os homes todos coma nun curro,
para que a humanidade coñeza os seus feitos.
8As feras foxen para os seus recunchos,
acochábanse nos seus cubís;
9sae a galerna da súa alcoba
e a xeada dos seus piornos;
10co sopro divino fórmase o xeo
e calla todo ó longo das augas;
11Tamén é El quen lles dá humidade ás nubes
e fai xurdir o raio dos nubeiros,
12que se moven arredor
e van e veñen segundo os goberne,
cumprindo todos os seus mandatos
sobre a face do orbe:
13sexa para castigar coa vara,
sexa para favorecer, eles sempre dan no fito.
Conclusión
14Escoita todo isto, Xob,
ponte en pé e pescuda as marabillas de Deus!
15Entendes ti como dispón Deus deles todos
e como fai brillar os lóstregos no nubeiro?
16Que sabes ti do cimbrarse das nubes,
marabilla dunha ciencia insondable?
17Ti, a quen xa queima o vestido,
cando a terra adormece baixo o vento do sur.
18Tendiches ti con El a cúpula celeste,
impenetrable coma un espello fundido?
19Aconséllanos ti o que lle teñamos que dicir!
Non atopamos razóns na nosa ignorancia.
20Coidas que o informarán, se eu lle quero falar;
que llo comunican cando un home di algo?
21Se xa agora non hai quen mire o sol
cando resplandece no ceo
ó pasar o vento e varrelo!
22Do norte vén un resplandor dourado,
a tremenda maxestade arredor de Deus!
23Nós non alcanzamos ó Omnipotente,
que é sublime en poder e dereito
e non destrúe a súa Orde grandiosa!
24Por iso tremen ante El todos os humanos
e non ten en conta ós que se cren sabios".