Skip to content

Xob 34

34
Discurso segundo
1Seguía falando Elihú e dixo:
2—"Sabios, escoitade as miñas verbas,
dádeme oídos os que moito sabedes!
3Igual que a orella pode distinguir palabras
e o padal saborea o que come,
4podemos nós probar o que é dereito
recoñecer por nós o que sexa bo.
5Foi Xob mesmo quen dixo: Son inocente,
é Deus quen cambia o meu dereito;
6Aínda que teño a razón, paso por trouleiro;
vou ferido de frecha sen culpa da miña parte.
7Que home hai coma Xob
que beba o escarnio coma auga,
8sempre de camiño para a xuntanza dos malfeitores,
sempre na rúa a carón dos malvados?
9Di para si: Non trae vantaxe ningunha
o darlle gusto a Deus.
10Por iso, vós, asisados, oíde:
lonxe de Deus o ser culpable,
lonxe do Omnipotente o obrar inxusto,
11xa que conforme fai o home así paga,
e segundo a súa conduta retribúeo.
12Abofé que Deus non pode obrar o mal
e que o Omnipotente non torcerá o dereito.
13Quen lle encomendou a El a terra
e quen lle decretou o cargo do universo?
14Con só que El decidise
retirar o seu espírito e o seu alento,
15Afogarían todos os viventes
e o ser humano volvería ó po.
16Se tes entendemento, escoita isto,
presta atención ó son das miñas verbas:
17Podería gobernar quen refuga o dereito?
Condenarías ti a quen é xusto e poderoso?
18Chamarías ti badoco ó rei
e diríaslles ós nobres criminais?
19A El, que cos principais non ten favoritismo,
que non se pon da parte do podente contra o pobre,
pois todos eles son obra das súas mans.
20Morren de súpeto á media noite,
expiran os podentes e pasan;
o forte cede o posto sen que o toque ningunha man.
21Pois os seus ollos dexergan os vieiros humanos
albiscando todos os seus pasos;
22non hai sombra nin tebras
onde os malfeitores poidan acochar,
23xa que Deus non lle dá ó home un prazo
para vir onda El a xuízo.
24Desfai os violentos sen máis enquisas
e no seu posto dálles o cargo a outros,
25porque pescuda todos os seus feitos
trastornándoos de noite ata os esnaquizar;
26malla neles como se estivesen presos,
onde todos os vexan,
27por deixaren de seguilo
e por non matinaren nos seus camiños,
28facendo chegar a El os salaios dos pobres,
facéndolle escoitar os choros dos oprimidos.
29E se El fica inmóbil, quen o moverá?
e cando esconde a face, quen o contemplará,
a El que vela sobre as nacións e os homes
30para que non reine o inicuo
nin lle poña trampas ó pobo?
31Terá Deus que dicirche:
Errei, mais non tornarei facer o mal;
32non vin o que facía, ensíname ti;
e se obrei o mal, non o repetirei?
33Ha de retribuír El coma ti pensas cando condenas,
xa que es ti quen decide e non eu?
Fala, se tanto sabes!
34Mais homes asisados hanme responder
xunto cos sabios que me escoiten:
35Xob está a falar do que non sabe
e as súas razóns van sen xeito.
36Deberá ser probado Xob ata o remate
por contestar como fan os impíos,
37pois engade outra culpa ó seu pecado
e aínda fai festas diante de nós
multiplicando verbas contra Deus".