Xob 32
32
OS DISCURSOS DE ELIHU (32-37)
Prólogo narrativo
1Deixaron xa os tres homes de responder a Xob, coidando que era inocente. 2Pero encheuse entón de carraxe o Elihú, fillo de Baraquel o de Buz, do clan de Ram, alporizándose contra Xob, pola súa teima de levar a razón contra Deus. 3Deulle tamén a xenreira contra os tres amigos, pois non atoparan resposta, deixando a Deus por culpado. 4Aturara Elihú a Xob mentres aqueles falaban, pois eran os seus maiores, 5mais ó se decatar que ningún deles tres daba contestación, acendeuse de ira 6e empezou o seu discurso Elihú, fillo de Baraquel o buzita, dicindo:
Introdución
—"Eu son aínda novo e vós sodes anciáns,
por iso tiven reparo e medo de exporvos o meu saber.
7Pensei para min: Xa falarán os de idade;
os de moitos anos han mostrar a súa sabenza.
8Pero é un espírito no home,
un alento do Omnipotente, o que dá a intelixencia.
9Non fai sabio o ser vello
nin os anciáns cobran máis xuízo.
10Coido, logo, que tedes que escoitarme;
tamén eu hei expor o meu saber.
11Vede, eu agardei mentres falabades,
e ben atento estiven ás vosas razóns
mentres procurabades as verbas,
12e por máis que vos considerei,
ninguén de vós corrixiu a Xob refutando os seus ditos.
13E non me veñades dicindo: Nós temos a verdade;
a el xa o refugará Deus, e non un home.
14Aínda non discutiu comigo as súas razóns
nin vou eu responderlle coas vosas verbas.
15Achantaron eles sen engadiren ren;
Fuxíronlles as palabras.
16Pero seica vou eu agardar cando eles xa non falan,
cando eles fican quedos sen replicar de novo?
17Voulle contestar da miña parte
e exporlle tamén eu o meu saber:
18que estou cheo de razóns
e a inspiración púxame por dentro.
19Velaquí o meu corazón: é coma viño pechado
que fai estoupar os foles novos:
20hei falar para me dar un respiro,
abrirei os meus labios coa resposta.
21Non me porei da parte de ningún
e a ninguén vou agasallar,
22pois non sei adular;
se tal fixese, léveme o creador.
Dereitos reservados: SEPT