Skip to content

Xob 31

31
Prego de descargo
1Cos meus ollos fixen trato
de non andar fitando as mozas.
2Que sorte garda Deus desde o alto?
Cal é a herdanza do Omnipotente desde as alturas?
3Non é se cadra a desgraza para os inicuos
e a perdición para quen fai ruindade?
4Non está El a albiscar os meus camiños,
levando a conta das miñas pegadas?
5Se levo eu unha conduta va
e se me van os pés tralo engano,
6péseme Deus nunha balanza xusta,
e saberá da miña integridade!
7Se os meus pasos se afastan do camiño
e a miña arela se me vai tras dos ollos,
ou se me apega algún lixo ás mans,
8se sementei, que outro detrás o coma!
que arrinquen de raíz os meus xermolos!
9Se o meu corazón se enreda cunha muller
ata axexar na porta dun amigo,
10que moia a miña muller para outro
e se deiten os alleos con ela!
11Pois facer tal sería unha infamia
e un delito para levar ó xulgado,
12un lume que roe ata a perdición
e que había consumir todo o meu haber.
13Se neguei o dereito do meu servo
ou da miña criada ó rifaren comigo,
14que vou facer cando se erga Deus?
que lle hei responder cando me pregunte?
15Quen me fixo no ventre, non o fixo tamén a el?
Non formou no seo a entrambos do mesmo xeito?
16Se lle neguei ó pobre o seu degoiro
e deixei que se consumisen os ollos das viúvas;
17se comín o meu pan gardándome dos outros
e o orfo non puido morder nel,
18—por certo que desde a mocidade o criei coma un pai
e o conducín desde a miña infancia—;
19se ollei alguén esmorecido sen roupa,
a algún pobriño sen cobertor,
20e non me bendiciron os seus lombos
cando os quecín coa lá dos meus cordeiros;
21se alcei a miña man contra un xusto
por ver amigos meus no tribunal,
22que das costas se esgace o meu ombreiro!,
que caia o brazo do meu cóbado!
23Pois había vir o terror de Deus sobre min,
e non resistiría a súa maxestade.
24Endexamais non puxen no ouro a esperanza
nin chamei ós lingotes: O meu creto.
25Non me alegrei por ter moita facenda
nin de que fose de peso o meu prestixio.
26Nunca fitei para o sol no seu cénit,
nin para a lúa cando camiña esplendorosa;
27non cedín á tentación de os adorar
botándolles bicos coa man.
28(Ese é tamén un crime procesable,
pois é renegar do Deus de arriba).
29Non gocei da desfeita dun inimigo,
nin relouquei cando o mal o alcanzou,
30e non deixei pecar a miña boca
pedindo contra el a maldición.
31Ben poden dicir os do meu campamento:
Onde hai un que non se fartase da súa carne?
32O forasteiro xamais pasou a noite fóra,
e ó camiñante abrinlle a miña porta.
33Non encubrín dos homes o meu erro
acochando no peto a miña culpa,
34por non lle ter medo ó xentío;
nin por temer a aldraxe do meu clan,
calei e non saín á porta.
35Quen me dera que me escoitase alguén!
Velaquí a miña sinatura! Responda o Omnipotente!
Que o meu opoñente subscriba o documento!
36Abofé que habería de levalo no ombreiro
e cinguilo coma unha diadema,
37pois podo darlle conta de todos os meus pasos.
Entón achegaríame ata El coma un príncipe!
38Se a miña agra berra contra min
e se choran con ela os seus sucos,
39se consumín, sen pagar, o seu produto
tolléndolles o alento ós parceiros,
40que no sitio de trigo nazan toxos,
e no lugar da cebada crezan xestas!"
Aquí rematan as razóns de Xob.