Skip to content

Xob 27

27
1Seguiu Xob declamando o seu poema:
2—"Por Deus, que tolleu o meu dereito,
polo Omnipotente, que me encheu de tristura:
3que mentres teña folgos
e alento de Deus no meu nariz
4non han falar en falso os meus labios
nin saír mentiras da miña lingua!
5Lonxe de min o darvos a razón!
Deica expirar non cederei na miña integridade!
6Hei soster a miña inocencia sen afrouxar!
Nin por un dos meus días me reprende a conciencia.
7Que o meu inimigo sexa considerado coma o malvado,
e o meu adversario coma o impío!"
Sofar (27, 8-23; 24, 18-24)
8—"Pois que esperanza lle queda ó rebelde cando fina,
cando Deus lle quere arrincar a vida?
9Escoitará Deus os seus laios,
cando a angustia se lle bote enriba?
10Vaise alegrar no Omnipotente?
Chamará a Deus a cada intre?
11Falareivos do poder de Deus,
non vos esconderei o que matina o Omnipotente.
12Vós mesmos o tedes visto,
para que estades entón a facer o parvo?
13Esta é a sorte do home impío ante Deus,
a herdanza que recollen do Omnipotente os tiranos:
14Se multiplican os fillos é para a espada,
os seus xermolos non se han ver fartos de pan.
15O resto dos que lles queden, hállelos levar a Morte,
non lles han facer pranto as súas viúvas.
16Se amorea coma terróns a prata,
e dispón de vestidos coma o barro,
17gardounos para que os vista o xusto,
e o inocente repartirase a prata.
18Se edificou a súa casa coma un vixía,
como constrúe o garda unha casopa,
19hase deitar rico por vez derradeira:
cando abra os ollos, xa non atopa ren.
20Asáltano os temores polo día
e pola noite arrebátao o temporal;
21Arrómbao o vento do leste
e empúrrao do seu lugar;
22disparará contra el sen piedade
por máis que teime fuxir da súa forza;
23baterá palmas por el e asubiará,
para que desapareza do seu posto".