Skip to content

Xob 26

26
Xob
1Deu Xob a súa resposta:
2—"Como poderás ti axudar ó feble,
ou salvar os de brazos sen forzas?
3Como é que aconsellas ós que non saben
e lles mostras como van ter sorte en todo?
4Quen che axudou a compor estas razóns?
De quen é a inspiración que sae de ti?
5Mesmo as ánimas tremen diante del
por embaixo das augas e dos seus habitantes;
6fica espido diante del o Xeol,
non hai cuberta para o antro da Perdición.
7El tendeu o Norte sobre o Baldeiro
e pendurou a terra sobre a nada;
8pechou cun atado a auga nas nubes,
e non se racha con elas o nubeiro;
9logo encubriu a face do luar
botándolle por riba unha nube;
10gravou o horizonte sobre as augas
na fronteira entre a luz e as tebras;
11Abanean os piares do ceo
espantados diante do seu berro;
12coa súa forza alporizou ó mar,
coa súa habilidade destruíu a Rahab;
13co seu vento varreu o ceo,
coa súa man feriu a serpe fuxidía.
14E isto non é máis cá ladeira do seu poder.
Só é un pequeno murmurio o que del oímos.
Quen entenderá o trebón do seu poder?"