Xob 28
28
Himno á Sabedoría
1"Ten por certo a prata unha veta
e o ouro ten lugar para ser refinado.
2O ferro tírase da terra,
e da pedra fundida sae o bronce.
3Póñenlle un tope á tebra
e pescúdano todo ata os confíns,
ata as rochas máis mouras e máis sinistras.
4Furan galerías lonxe dos casais,
carreiros esquecidos polo pé;
descenden pendurados, afástanse dos homes.
5A terra da que saen os alimentos
ferve no fondo coma lume;
6eses penedos son as minas dos zafiros,
neles atópanse as carabuñas do ouro.
7O seu vieiro non o coñece o voitre
nin o dexerga o ollo do falcón;
8non o pisaron as máis altivas feras
nin os leóns tripan nel.
9O home bótalle a man ó seixo,
desfai os montes desde as raíces,
10nas rochas fende galerías
co ollo atento para todo o de valía;
11contén os mananciais dos regatos,
tira á luz o escondido.
12Pero a sabedoría onde se atopa?
Onde ten o seu posto a intelixencia?
13Non sabe o home da súa morada:
non se atopa na terra dos viventes.
14Di o océano: Non está en min,
e di o mar: Non vai comigo.
15Non se cambia por ouro,
nin por ela se pon prata na pesa;
16non se paga co ouro de Ofir,
co ónice de prezo ou con zafiros.
17Non a igualan nin o ouro nin o vidro,
nin se troca por ánforas douradas;
18non contan para ela corais e cristal da rocha,
e un saquiño de sabedoría vale máis cás perlas;
19non se emparella co crisólito de Etiopía,
nin o ouro máis puro lle ten comparación.
20De onde sae entón a sabedoría?
Onde ten o seu posto a intelixencia?
21Está encuberta para todo ollo vivo,
acochada mesmo das aves do ceo.
22A Perdición e a Morte afirman:
Cos nosos oídos escoitamos algo da súa sona.
23É Deus quen sabe do seu camiño
e quen coñece o seu posto,
24pois el dexerga ata os confíns do mundo
e olla todo o que existe baixo o ceo.
25Ao pórlle peso ó vento
e ó controlar as augas,
26ó darlle lei á chuvia
e un carreiro ó lóstrego da treboada:
27foi entón cando a viu e a calculou,
estableceuna despois de pescudar nela.
28E díxolle ó home:
Fíxate: o temor do Señor é sabedoría,
e arredarse do mal é intelixencia".
Dereitos reservados: SEPT