Xob 17
17
1O meu espírito vital vai esmorecendo,
tan só a cova me resta.
2Para min non hai máis ca aldraxes,
entre amarguras consómense os meus ollos.
3Leva da túa conta a miña fianza!
Se non o fas ti quen me vai dar unha man?
4Se ti ocultaches das súas mentes a razón,
non a vas facer medrar agora.
5(Hai quen fala de herdanzas cos veciños,
mentres os ollos dos seus fillos esmorecen).
6Fixéchesme andar na boca das xentes,
un a quen se pode cuspir na cara.
7Os meus ollos consómense de tristura;
os meus membros son xa unha sombra.
8Os honrados abráianse por iso
e o inocente alporízase contra o réprobo.
9Pero quen ten razón mantense na súa conduta
e o de mans limpas colle folgos.
10Voltade todos vós e vinde,
que non penso atopar en vós un sabio!
11Foxen os meus días na vergonza,
estráganse as ansias do meu corazón.
12Hai quen troca a noite en día,
a alborada no canto das tebras!
13Eu xa non espero ren! O Xeol é o meu lar
e estendo nas sombras o meu leito.
14Dígolle á cova: Ti es o meu pai;
miña nai, miña irmá, chámolles ós vermes.
15Onde ficou a miña esperanza?
E a miña felicidade quen a albisca?
16Vai descender comigo ata o Xeol?
Ímonos afundir xuntos na terra?"
Dereitos reservados: SEPT