Skip to content

Xob 18

18
Bildad
1Falou de novo Bildad o xuhita e dixo:
2—"Ata cando vas armar trampas coas verbas?
Repénsao, e despois falaremos!
3Por que nos tes por bestas?
Coidas que somos badocos?
4Ti estrágaste na túa xenreira,
e pola túa causa haberá que deixar deserta a terra
ou remover as rochas?
5Tamén se extingue a luz dos impíos
e non brillan faíscas no seu lume;
6escurécese a luz da súa tenda
e sobre el apágase a candea.
7Fanse máis breves os seus pasos firmes
e derrúbao a súa propia matinación;
8vai dar na rede polos seus pés,
reméxese entre as mallas;
9Atrapállao o lazo polos nocellos
e aferra nel o cepo.
10Para el está escondida a corda no chan
e o cepo de caza na súa corredoira
11O seu arredor espántano os terrores,
escorréntano a cada paso.
12Está famenta del a desgraza
e a calamidade prepáralle a caída.
13A doenza róelle na pel,
morde nos seus membros o vinculeiro da morte.
14Arríncano da súa cómoda tenda,
lévano diante do rei dos terrores;
15mora na súa tenda a pantasma;
espallan xofre polos seus eidos.
16Sécanlle por debaixo as raíces,
múrchanlle por riba as pólas.
17Desaparece a súa fama do país,
non ten sona na rexión.
18Empúxano da luz para a escuridade,
refúgano do mundo.
19Sen prole nin descendencia no seu pobo,
sen quen lle sobreviva nos seus eidos.
20Tremerán co seu fado os occidentais,
encheranse de arrepío os orientais:
21Velaquí as moradas do inicuo;
este é o posto de quen rexeita a Deus".