Skip to content

Xob 13

13
1Todo iso xa o viron os meus ollos,
escoitárono os meus oídos, e caín ben na conta.
2O que saibades vós, tamén o sei eu,
que en nada vos son menos.
3Pero quen me dese falarlle ó Omnipotente!
O que eu arelo é discutir con El.
4Vós sodes, abofé, uns cuspe—trolas
falaces menciñeiros todos vós.
5Quen me dese que caledes dunha vez:
vindo de vós, sería gran sabedoría!
6Oíde, por favor, o meu agravio!
Entendede a disputa dos meus labios!
7Ides defender a Deus con falsidades,
pronunciándovos no seu favor con engano?
8Ides darlle vantaxe
ou tomar partido ó seu favor?
9Sentaríavos ben que El vos sondase?
Coidades de entrampalo, como se fai cos homes?
10Por certo que vos había zorregar,
se o queredes favorecer ás agachadas!
11Non vos arrepía a súa maxestade?
Non cae o seu medo sobre vós?
12Os vosos ditos son refráns borrallentos,
e as vosas defensas, escudos de arxila.
13Estádeme calados! Vou falar eu,
e que sexa o que queira!
14Collerei cos meus dentes a miña carne
e levarei nas mans a miña vida.
15Aínda que me dese a morte, xa tería esperanza
con tal de defender na súa cara o meu obrar.
16Iso xa sería para min unha vitoria,
pois El non deixa ó impío comparecerlle diante.
17Escoitádeme atentos esta razón,
que a miña declaración chegue ós vosos oídos!
18Teño ben preparada a miña defensa,
pois estou certo de ser o inocente.
19Quen é o que quere preitear comigo?
Pois calar agora sería morrer.
20Soamente non me fagas dúas cousas,
e entón xa non me esconderei de ti.
21Aparta de min a túa opresión,
e que tampouco o teu terror non me espante!
22Inquíreme despois, e responderei!
E, se non, podo eu expoñer, e ti replicas.
23Cantas son as miñas culpas e pecados?
Móstrame ti as miñas faltas e os meus erros!
24Por que ocultas o rostro
e me tes por inimigo?
25Teimas en amedrentar unha folla que foxe?
Vaste pór a perseguir unha palla seca?
26Pois anotas na miña conta rebelións,
fasme levar as chatas da miña mocidade,
27átasme os pés no cepo
e estasme a vixiar cada vieiro,
debuxando as marcas dos meus pasos.
28Bótase a perder coma cousa podre,
coma a roupa comesta pola traza.